
1º de Maio, Día Internacional da Clase Obreira

Camiñamos cara a un 1º de Maio marcado pola crise da pandemia e polo afondamento da crise industrial que xa viviamos en Galiza. Porén, lonxe de concentrar os recursos públicos ao servizo da clase traballadora e das maiorías sociais, as políticas deste último ano supuxeron un “festín” de ERTE e ERE á carta, modificacións das condicións laborais, descolgues de convenio e rebaixas salariais que reforzan o poder dunha patronal xa encoraxada polas reformas laborais e ao desmantelamento da negociación colectiva.
No actual contexto resulta “inmoral e incluso un delito contra a clase traballadora” manter plenamente vixentes estas reformas que, en palabras do secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “son a fosa común onde van enterrando os nosos dereitos laborais”. Por iso, urxe á súa derrogación íntegra como o paso imprescindíbel para encetar unha saída xusta á crise e camiñar cara a unha situación de emprego, salarios, pensións e condicións de traballo dignas.
Estamos nunha transición que para Galiza supón un auténtico proceso de desmantelamento
Mais Carril tamén apela á responsabilidade das forzas políticas que sosteñen o goberno de coalición para non atrasar máis a eliminación total destas políticas “porque non valen nin derrogacións parciais nin maquillaxes, cando avanzamos cara a unha profunda crise económica e social”.
Resulta lamentábel tamén o papel da Xunta de Feixoo que, malia as ameazas á continuidade do tecido produtivo e de sectores estratéxicos, segue sen ter unha política industrial vertebradora do país. Ao contrario, os únicos proxectos que manexa “son os que marcan os fondos de investimento. Estamos inmersos nunha transición que para Galiza supón un auténtico proceso de desmantelamento e, malia sermos unha potencia produtora de electricidade que exporta o 30% do que xera, nin sequera podemos beneficiarnos dos nosos recursos para o desenvolvemento económico e social da nosa Terra”.
A mobilización é o camiño
Por iso, ás portas do Día Internacional da Clase Traballadora temos que reivindicar unha saída galega e xusta á crise e a posta en marcha dun paquete de medidas na liña das propostas do Plan Galego de Crecemento Económico e Creación de Emprego que a CIG presentou no mes de outubro.
Neste senso, cómpre rematar co actual modelo de estatalización da negociación colectiva que ten provocado unha maior precarización e empobrecemento, ao dar prioridade aos convenios estatais sobre os provinciais e deteriorar os convenios sectoriais e de empresa. Ademais de afastar a negociación dos e das traballadoras, impide a participación dos sindicatos que democraticamente os representan para pechar acordos sobre as condicións de traballo en calquera sector.
A CIG chama a reforzar a mobilización e a reposta social porque este é o “mecanismo real para desmontar a reforma laboral, forzar os cambios de políticas necesarios e poder avanzar na recuperación e consecución de novos dereitos laborais e na mellora das condicións de vida”. “Pensar que a través do diálogo social van chegar as solucións ás graves situacións que padecemos en Galiza, como o desmantelamento industrial, é enganar a clase traballadora”, advirte Carril, instando a intensificar a loita nas rúas e nos centros de traballo.
Neste marco, CIG, ELA e I-CSC desenvolveron unha xornada de protestas o 25 de marzo en Galiza, Euskal Herria e Catalunya, dentro da campaña que as tres centrais teñen en marcha para esixir a derrogación das reformas e que se recoñeza o dereito a decidir nas respectivas nacións o modelo de relacións laborais, pensións e protección social.