1º de Maio: contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos

Milleiros de persoas mobilizáronse coa CIG para conmemorar o Día Internacional da Clase Obreira
Nacional - 06 Mai 2022

Varios milleiros de persoas mobilizáronse coa CIG por todo o país para reclamar medidas urxentes coas que afrontar a crise, frear os efectos devastadores dos altos prezos e poder ter unha vida digna.

A CIG conmemorou este ano o Primeiro de Maio, Día Internacional da Clase Obreira, baixo o lema ‘Contra a pobreza, políticas públicas e salarios dignos’, reclamación que a central acompaña con propostas fronte ao incremento da carestía da vida. O secretario xeral, que participou na manifestación de Vigo, reclamou a aplicación urxente de medidas para afrontar a crise, frear os “efectos devastadores” dos altos prezos e poder ter “unha vida digna”. 

O secretario xeral reclamou medidas urxentes para afrontar a crise, frear os efectos devastadores dos altos prezos e poder ter unha vida digna

Até 16 localidades acolleron mobilizacións no día do internacionalismo proletario, xornada reivindicativa na que as protestas da CIG volveron ser as máis concorridas. A manifestación central de Vigo foi a máis multitudinaria, a pesar de que o Concello e a Policía Local volvesen manipular os datos para minimizar a asistencia e beneficiar a CCOO e UGT, cuxa marcha congregou menos xente. De igual xeito, os principais medios de comunicación insistiron na súa campaña de invisibilización do principal sindicato do país.

Ao remate, Paulo Carril tomou a palabra para proclamar o “firme compromiso” da CIG coa paz, denunciar a guerra en Ucraína e demandar o cese da “brutal apoloxía” do militarismo, do belicismo e da OTAN. Trasladoulle toda a solidariedade ao pobo ucraíno, mais tamén ao saharauí, e condenou que o Goberno español se tivese sometido a Marrocos “e á súa postura imperialista, incumprindo o dereito internacional e negando os dereitos do pobo saharauí”.

Repasou a situación económica e social “extrema” que padecemos, “que está a ter un impacto brutal na clase traballadora e nas maiorías sociais” porque aos efectos da crise sumáronse os da pandemia, “e agora aprovéitase a guerra para xustificar políticas que non solucionan unha carestía da vida que xa arrastrabamos, pero que foi a máis, con altos prezos da electricidade, dos combustíbeis, dos alimentos e dos bens de consumo básicos”.

Criticou o aumento do gasto militar (até o 2% do PIB) por parte dun Goberno que gasta máis en armamento que en acabar cos “efectos devastadores” que a carestía da vida está a causar. Fronte a isto, apelou á necesidade de adoptar medidas urxentes de intervención pública, de cambios profundos nas políticas económicas e fiscais, que non se inclúen no Plan de Resposta Económica á Guerra.

Intensificar a mobilización

Carril quixo deixar claro que a resposta á crise non está no Pacto de Rendas nin no acordo estatal de negociación colectiva, “xa que o diálogo social e UGT e CCOO volven estar ao servizo do capital, e ao impor a moderación salarial imposibilitan a recuperación do poder adquisitivo e consolidan os baixos salarios”.

Advertiu que está en xogo o noso futuro, o dereito a pactar en Galiza os convenios e a negociar as condicións de traballo. Por iso renovou o compromiso da CIG coa conflitividade na negociación colectiva, ao tempo que lamentou a entrada en vigor da nova reforma laboral e das pensións, “coas que nin recuperamos dereitos nin avanzamos en novos dereitos, que disfrazan a precariedade e provocan máis desigualdade de xénero”.

Finalmente, chamou a intensificar a mobilización “porque o camiño é a loita; é necesario crear organización, poder popular, porque os dereitos nin se regalan, nin se compran, nin veñen do diálogo social; confiamos no potencial da mobilización para conquistar políticas alternativas coas que vivir e traballar dignamente na nosa terra”.