Fronte ao insoportábel aumento da carestía da vida, mobilización na rúa e na negociación colectiva

Nacional - 30 Dec 2022

Reclamar políticas públicas, salarios e pensións dignas para enfrontar a crise e a pobreza que ten un impacto brutal no conxunto das maiorías sociais. Baixo esa consigna, a CIG mobilizouse o pasado 29 de novembro en 14 cidades e vilas para exixir a intervención pública da economía e dos sectores estratéxicos para frear a inflación e a carestía da vida, e unha intervención pública dos mercados para poñer fin á especulación que encarece bens básicos mentres unhas poucas empresas aumentan de forma multimillonaria os seus beneficios.

O secretario xeral da CIG, Paulo Carril, valora que a pesar dos milmillonarios beneficios obtidos polos grandes bancos e as eléctricas neste 2022 e que os beneficios das empresas do IBEX medran 8 veces máis que os salarios, os novos impostos á banca e ás eléctricas son insuficientes e inofensivos para o capital, como evidencia que axiña foran avalados polo FMI. 

Goberne quen goberne, as políticas favorábeis ás clases populares temos que loitalas

Critica ademais que non se decrete a conxelación dos tipos de xuros para as hipotecas á clase traballadora e ás clases populares, tal e como a CIG vén reclamando dende hai meses.

Sobre os Orzamentos Xerais do Estado, denuncia que non dan solución ás graves carencias e necesidades sociais e son claramente discriminatorios para Galiza. Pero ademais, veñen acompañados de lesivas reformas para satisfacer as duras exixencias da UE, como a reforma das pensións para ampliar dos 25 aos 30 anos o período de cómputo ou a privatización do Servizo Público de Emprego.

Pola contra, increméntase o gasto militar e os chamados a impoñer un pacto de rendas “que é un verdadeiro pacto de perdas, con subas salariais que non garanten o poder adquisitivo, mentres o SMI e as pensións seguen por debaixo do que recomenda a Carta Social Europea”.

En Galiza, a crise agudízase porque temos importantes sectores produtivos e comarcas enteiras agonizando, con cada vez menos emprego e industria, e máis emigración e poboación avellentada. Un camiño facilitado polas “políticas suicidas do Goberno do PP na Xunta” que impiden un desenvolvemento propio e que só buscan “converter Galiza nun grande camiño de Santiago, avanzar na privatización dos servizos públicos, na eucaliptización dos montes e a consolidación dun novo proceso de colonización enerxética”.

Seguir na loita

Para exixir políticas alternativas e que esta crise non a pague de novo a clase obreira, a CIG veuse mobilizando ao longo deste ano porque “goberne quen goberne, as políticas favorábeis ás clases populares temos que loitalas” e “cómpre seguir saíndo á rúa cando as políticas que se fan non frean os efectos devastadores que ten a inflación e a carestía da vida”.

O secretario xeral insta a intensificar o conflito na negociación colectiva e xerar dinámicas mobilizadoras para que non nos rouben o dereito a negociar en Galiza os nosos convenios colectivos, defendendo o noso poder de negociar e decidir nós de forma directa e democrática as nosas condicións de traballo e os nosos salarios, impedindo que o fagan as cúpulas sindicais de UGT e CCOO.

Estamos chamados e chamadas ao conflito ante a patronal, na negociación colectiva, e ante os Gobernos galego e central para cambiar as políticas, acabar co empobrecemento, para que se aproben medidas de intervención pública na economía e nos sectores estratéxicos, para a recuperación económica, a defensa dos servizos públicos, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa Terra”, conclúe.