
Forza para avanzar na saída da crise

Camiño do final do ano os orzamentos do Estado e da Xunta confirman o que desde a CIG viñamos dicindo: que estamos ante unha profunda crise que se multiplicou coa pandemia e que, para afrontala, nin os Gobernos central e galego están a adoptar as medidas necesarias para que non sexamos, unha vez máis, a clase traballadora e o pobo galego quenes a paguemos.
Polo aumento dos salarios
A imparábel escalada da factura eléctrica está a facer estragos nas economías familiares, na actividade económica e na industrial, mentres o oligopolio enerxético acumula cada vez máis beneficios. Unha situación que está provocando ademais o incremento dos prezos de todos os produtos, nomeadamente dos básicos: a bolsa da compra ou a gasolina, que son precisamente os que consume a clase traballadora.
A banca vai desmantelando a súa rede de oficinas en Galiza, aplicando ERE que deixan na rúa a milleiros de traballadoras e traballadores do sector aproveitando que a reforma laboral segue vixente e provocando a exclusión financeira de miles de galegas e galegos. Unha situación que, lonxe de impedir, a Xunta de Galiza premia financiando cos nosos cartos a entidades como Abanca para que instalen caixeiros.
Defensa do emprego e da industria
Os procesos de dixitalización e descarbonización están aumentando as ameazas económicas, industriais, sociais e laborais para o conxunto da clase traballadora e para o desenvolvemento soberano dos pobos e das nacións do mundo.
O emprego é cada vez máis temporal e precario, como constata a EPA do terceiro trimestre, que demostra a escandalosa perda de postos de traballo na Industria e na Construción en Galiza. Un total de 8.800 menos, a consecuencia do proceso de desmantelamento que sofren, de norte a sur, os nosos sectores produtivos.
Precisamos dun verdadeiro Plan Galego de Recuperación Económica, industrialización, creación de emprego digno, defensa dos servizos públicos e dos dereitos laborais e sociais que garanta o dereito a vivir e traballar dignamente no noso país.
Derrogación das reformas laborais
A reforma laboral segue vixente mentres se monta un paripé mediático para manter despois os seus aspectos máis lesivos, cumprindo así os requisitos impostos pola UE para poder acceder aos famosos fondos Next Generation, que están pensados ademais para destinar ás empresas e non ás persoas.
Por unhas pensións dignas xa
A reforma das pensións, en proceso de tramitación no Congreso, mantén os aspectos máis lesivos das reformas do PSOE e do PP que son, precisamente, as que provocan que en Galiza miles de persoas xubiladas e pensionistas cobren unhas pensións de miseria.
Unha situación propiciada polos sindicatos estatais que participan en componendas co poder económico, no chamado diálogo social, desprestixiando a loita sindical; renunciando a dar a batalla ideolóxica e política necesaria para contribuír a un cambio real do actual modelo económico e social; validando as políticas dos gobernos e contribuíndo á desmobilización da clase traballadora galega.
Tal e como expresaba o propio lema do VIII Congreso Confederal, precisamos ’Forza para Avanzar’ para dar unha resposta contundente a todos estes ataques e para conquistar políticas alternativas que permitan que en Galiza poidamos exercer o dereito a vivir e traballar dignamente na nosa Terra.