Forza para avanzar cara a unha saída galega xusta da crise

Nacional - 20 Out 2021

O Congreso tamén debateu e aprobou os Relatorios de Acción Sindical e de Organización, nos que se marcan as principais liñas de actuación e de fortalecemento da estrutura, co obxectivo de avanzar cara a unha saída galega xusta da crise e de consolidar a CIG como primeira forza. O documento de Acción Sindical contempla un ambicioso plan de medidas alternativas para a recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno.

Tamén urxe a impulsar a loita para forzar o Goberno español a derrogar as lesivas reformas nacidas da crise financeira de 2008. Máis tendo en conta que xa se anuncia un paquete de recortes do gasto público e novas reformas para acceder aos fondos de reconstrución da UE, e que a acción do PP na Xunta contribúe de forma intensa á destrución dos nosos sectores produtivos e industriais e a consolidar o modelo de colonización e dependencia de Galiza. 

É necesario impulsar a loita para forzar o Goberno español a derrogar as lesivas reformas nacidas da crise de 2008

O plan de propostas CIG, que contén medidas transversais e sectoriais, demostra a viabilidade dun desenvolvemento galego propio e autocentrado se contamos con todos os instrumentos para recuperar o autogoberno e poder levar adiante un paquete de políticas públicas que concentren os recursos en favor das maiorías sociais. Como único xeito de garantir unha protección social plena, sen exclusións, e o dereito a ter emprego, salarios e ingresos dignos para toda a clase traballadora galega.

En canto ao Relatorio de Organización, o documento salienta o papel da CIG como “instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase”, que foi o que levou á central sindical a ser hoxe primeira forza en representatividade. Fixa como obxectivo para o próximos anos “consolidar e ampliar” a maioría sindical acadada pola CIG, para o que considera imprescindíbel que a central consolide este avance tamén no plano organizativo e ideolóxico, tendo en conta que o poder económico e o poder político “van recruar a súa ofensiva contra nós”.

Asume ademais que “a clave está en sermos un instrumento útil e capaz, de contrapoder real fronte á explotación de clase, de sermos combativas/os e firmes para avanzar nas conquistas de dereitos e na transformación da realidade”.

Construír poder sindical

Para conseguir estes obxectivos aposta por reforzar os piares fundamentais: asemblearismo, participación, combatividade e construción de organización. Acumulando máis forzas para “construír poder sindical, porque onde hai sindicato, hai melloras reais nas nosas condicións laborais e de vida”. 

Os piares fundamentais da central son asemblearismo, participación, combatividade e construción de organización

Chama, xunto a isto, a aproveitar ao máximo as fortalezas que representa o modelo sindical da CIG para actuar en defensa dos intereses da case traballadora, especialmente nos centros de traballo onde non hai presenza sindical, pero tamén nos lugares onde a precariedade e a individualización das relacións laborais está a orde do día.

O documento salienta o medre afiliativo constante desde o anterior Congreso, o que garante manter a autonomía financeira da central e, xa que logo, “a independencia do noso labor sindical”. Un crecemento que se pretende manter establecendo plans anuais de afiliación e seguimentos trimestrais de evolución.

Finalmente, incide en que malia as dificultades para combinar as reivindicacións obreiras e proletarias co novo modelo social reivindicado polas mulleres, nun momento como o actual, “profundamente influído por dinámicas estatais, onde o feminismo académico e institucional ten unha grande forza e unha grande capacidade de influencia”, a CIG foi quen de rachar esa inercia e de introducir na axenda do movemento feminista galego as demandas do feminismo de clase.