En loita contra a sobrecarga de traballo en Citroën

Sindicatos e dirección aceptaron a proposta de mediación para solucionar a problemática da cadea de montaxe
Vigo - 05 Xun 2019

O persoal de Citroën en Vigo decidiu rebelarse a comezos de maio contra a sobrecarga de traballo na cadea de montaxe, sobre todo na liña 2, unha problemática con consecuencias físicas e mentais para os traballadores/as, cun aumento do absentismo e das doenzas laborais. Os secretarios das seccións sindicais da CIG, CCOO e UGT iniciaron as mobilizacións cun peche na empresa para reclamar medidas que rematasen cunha situación que viñan denunciando dende hai tempo.

Paralelamente, chamaron a participar nas concentracións diarias ao inicio e ao remate de cada unha das tres quendas. Mais a falta de resposta da dirección obrigou a adoptar medidas máis contundentes, optando por abandonar o peche e convocando unha xornada de paros de dúas horas por quenda que tivo un seguimento maioritario e que paralizou a cadea de montaxe.

Unha semana despois ampliáronse a catro horas, cun amplísimo seguimento e paralizando de novo a produción. Ademais, centos de traballadores/as percorreron os arredores de Citroën ao berro de “montaxe solución”. 

En xullo as partes avaliarán o impacto das medidas nas liñas de montaxe

Ante o éxito das dúas folgas parciais, a dirección move ficha e convoca as centrais a unha negociación que ao principio non avanzou pola negativa da empresa a adoptar as medidas necesarias para rematar co exceso de traballo.

Mais tras longas conversas coa mediación do AGA as partes déronlle o visto bo á proposta da autoridade laboral na que se contempla a creación de catro postos no sistema 2, ademais de implementar dous reforzos temporais da actividade en cada quenda até que se apliquen as medidas pactadas para aliviar a sobrecarga de traballo. Tamén se recuperará un posto novo de traballo na liña en cada quenda e se internalizarán temporalmente as actividades auxiliares de montaxe.

A proposta de mediación establece que no prazo dun mes se analizará o impacto destas medidas, mentres que unha comisión creada ao efecto fará un seguimento semanal da súa implantación. No mes de xullo as partes volverán a manter un encontro no Consello Galego de Relacións Laborais para comprobar se a aplicación das medidas permitiu solucionar a problemática da cadea de montaxe, xa que do contrario optarán por retomar o conflito.