A comunidade educativa bótase á rúa en defensa da universidade pública galega

Rexeitan a proposta de Abanca para crear un proxecto privado no noso país
Nacional - 04 Xun 2021

O Partido Popular, despois de regalarlle o aforro galego, vai agasallar agora ao señor Escotet coa que será a primeira universidade privada en Galiza. Unha licenza que lle dará a posibilidade de enriquecerse aínda máis e de segregar parte do alumnado da universidade pública. A proposta de Abanca contempla ademais unha oferta que coincide coa das nosas universidades públicas.

Esta universidade buscará atraer a alumnado con alto poder adquisitivo, procedente de familias acomodadas, ou a aquel que non dá entrado na universidade pública introducindo, de paso, o modelo americano de endebedamento para que acaben pagando durante anos a súa carreira.

En cuestión está tamén a calidade porque poderán contratar a quen queiran, como queiran e sen a cualificación que ten o profesorado universitario do sistema público, que pasa por un rigoroso sistema de control. Unha situación que se confirma nos diferentes informes que sitúan a universidade pública, no Estado español, por diante da privada.