Derrogar a reforma laboral para combater a pobreza

A CIG vén de presentar o Informe de Ingresos Salariais en Galiza en 2019
Nacional - 12 Xan 2021

Cada día que pasa sen se derrogar a reforma laboral máis sectores da clase traballadora galega son pobres aínda que teñan un emprego. Nove de cada dez contratos son temporais. Máis de medio millón de persoas, o 20% da poboación galega, ou está en risco de pobreza ou xa na pobreza severa e o 47,20% das familias galegas habitan ou viven en condicións inseguras e insalubres.

Con estes alarmantes datos introducía o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, a presentación do Informe de Ingresos Salariais en Galiza en 2019, que elabora anualmente o Gabinete Técnico de Economía da central sindical. Un estudo pormenorizado realizado a partir de datos oficiais da Axencia Tributaria no que se constata unha perda real de poder adquisitivo da poboación asalariada galega, que na última década foi de 3,6 puntos. Un período no que medraron as desigualdades e onde cada vez é maior a porcentaxe de persoas traballadoras con baixos salarios. 

Neste período medraron as desigualdades e estendéronse os baixos salarios

Tal é así que se no ano 2009 os ingresos dunha persoa asalariada do tramo máis alto (máis de 10 veces o SMI), equivalían a 66 veces os dunha persoa asalariada do tramo inferior (menos da metade do SMI), “dez anos despois a diferenza é de 1 a 96, 30 puntos máis”.

Até o ano 2019 o grupo máis numeroso de asalariados/as estaba comprendido no tramo de ingresos de entre 1,5 e 2 veces o SMI, porén “en 2019 é no intervalo de entre 1 e 1,5 veces o SMI, preto dunha cuarta parte da poboación”.

Ademais, as persoas de ingresos inferiores á metade do SMI pasaron de ser o 16,5% a ser o 17,72% e o grupo con salarios inferiores ao SMI pasou do 29,9% en 2018 ao 34,4% en 2019.

As persoas novas son as que máis sofren esta precariedade laboral. En 2009 unha persoa maior de 18 anos que atopaba un traballo tiña uns ingresos de en torno a 3.754€ anuais e en 2019 pasou a ter 1.995€, un 54,2% menos.

Tamén no caso das mulleres os ingresos medios en 2019 foron de 17.511€ mentres que os dos homes se situaron nos 22.038€, o que sitúa a fenda salarial de xénero no 20,5%. Unha redución aparente xa que non melloraron as condicións salariais das mulleres, senón que empeoraron as dos homes.

Carta Social Europea

Diante deste panorama a CIG defende que se incremente o Salario Mínimo Interprofesional atendendo ás recomendacións da Carta Social Europea, segundo a que tería que ser de, cando menos, o 60% do salario medio, que está en 1.917€, segundo o INE, o que situaría o SMI en 1.150€. Unha proposta, que como lembra o secretario xeral da CIG, a central sindical nacionalista xa defendía no ano 2016.

Paulo Carril lamenta o atraso de 5 anos na actualización deste indicador e rexeita que se sitúe novamente o debate no chamado Diálogo Social. “O que temos é que aplicar, dunha forma clara e inequívoca, o que establece a Carta Social Europea”, máis cando quen están no diálogo social, UGT e CCOO, xa no ano 2017 tiñan asinado un acordo, daquela co goberno do PP, onde se situaba o SMI, no mellor dos casos, en 850€ para 2020.

Xunto a isto, a CIG defende que, coa ratificación do Estado español da Carta Social Europea –revisada ao texto de 1996–, se ratifiquen tamén todos os protocolos de reclamación colectiva do ano 1995.