Contra a represión sindical: esiximos xustiza para Pintos!

Centos de persoas mobilízanse en solidariedade co ex secretario comarcal da CIG de Ferrol
Ferrol - 05 Nov 2019

Centos de persoas saíron ás rúas de Ferrol o pasado 29 de outubro en contra da represión sindical e para esixir xustiza para o compañeiro Xesús Anxo López Pintos, que se enfronta a un xuízo pola súa participación, no ano 2012, nunha mobilización dos traballadores e das traballadoras do naval e de Poligal.

A protesta, que recibiu o apoio de organizacións sociais e culturais, de partidos políticos, de alcaldes e alcaldesas da comarca e de máis de 40 comités de empresa, fai parte da campaña iniciada pola CIG en contra da represión sindical e na que tamén se teñen involucrado CCOO, UGT e CGT “porque a unidade na loita contra a criminalización da mobilización social e na defensa dos dereitos e liberdades fundamentais debe ser total”.

Nesta loita, e cando xa se anuncia unha nova recesión, resulta fundamental esixir a derrogación inmediata da Lei Mordaza e do artigo 315.3 do Código Penal; instrumentos utilizados polo poder político e económico para afondar na persecución da contestación social ás medidas de recortes impostas baixo a escusa da crise.

O xuízo contra Pintos (que foi golpeado nunha carga policial, agredido e vexado mentres estaba detido en comisaría) supón un ataque descarado contra o sindicalismo e a mobilización como ferramenta fundamental da clase obreira. Resulta intolerábel que mentres se persegue a quen reivindica unhas condicións de traballo e de vida dignas, nin os culpábeis da privatización dos servizos públicos nin os responsábeis empresariais e políticos que permitiron o desfalco e o terrorismo patronal teñan que dar conta diante da xustiza.

Dentro desta campaña, os días 12, 13 e 14 de novembro, datas nas que se celebrará o xuízo, están convocadas concentracións diante da Audiencia Provincial na Coruña, entre as 09:30 e as 11:00 horas.