Continúan as protestas para rexeitar os recortes na limpeza da zona norte do campus ourensán

A concesionaria do servizo, Samyl, está a eliminar horas, incumprindo o prego de condicións
Ourense - 26 Xan 2021

As traballadoras/es de Samyl, concesionaria do servizo de limpeza da zona norte do campus universitario de Ourense, continuou esta mañá coas protestas diante das Facultades de Ciencias da Educación e de Historia, ubicadas no Edificio de Ferro, para rexeitar os recortes que está a aplicar a empresa, consistentes na eliminación de horas de traballo, e incumprindo por tanto o prego de condicións da adxudicación.

Dende a federación de Servizos da CIG lembran que a dirección de Samyl leva tempo aplicando unha serie de recortes no servizo aproveitando a xubilación dalgunhas empregadas/os. “En marzo xubilouse unha traballadora e recortaron 10 horas semanais, polo que reclamamos que, tal e como establece o convenio, estas horas sexan repartidas entre o resto do persoal”.

Como consecuencia desta eliminación de horas que veñen aplicando dende hai tempo, das 624,50 horas semanais de traballo que recolle o prego de condicións na actualidade estanse a facer unicamente 473. Ademais, a empresa tampouco cubriu a praza dunha persoa que se atopa de baixa. “O que fan é aproveitar os períodos vacacionais, cando menos carga de traballo hai, para asignarlle horas ao persoal e deste xeito cumprir o mínimo que esixe o prego”, sinalan.