Continúan as mobilizacións para esixir a readmisión da traballadora despedida por Cafeterías Herculinas

A Coruña - 01 Feb 2021

Continúan as accións reivindicativas para esixir a readmisión da traballadora despedida por Cafeterías Herculinas (propietaria do Central Park, Roots e Eme Taberna Contemporánea, onde era camareira) despois de reclamar o seu dereito a conciliar, a cotizar e cobrar pola xornada efectiva de traballo e de promover as eleccións sindicais na empresa presentándose pola CIG.

Por se non fora abondo, a traballadora tivo que sufrir unha campaña de acoso e intimidación por parte da empresa, que lle chegou a abrir até catro expedientes sancionadores en menos de tres meses, cando nos dous anos previos nunha fora obxecto de apercibimento. A última sanción, con suspensión de emprego e soldo de 30 días, foille comunicada cando estaba de baixa, precisamente a causa da ansiedade xerada polo acoso patronal.

Para a CIG-Servizos estamos ante un caso claro de represalia contra a traballadora por ter reclamado o que lexitimamente lle corresponde e por promover eleccións encabezando a candidatura da CIG, que ademais pretende ser unha medida exemplarizante para o resto do persoal. Por iso, a central reclama o cese inmediato desta actuación patronal, que se cumpra co convenio colectivo, se respecte a liberdade sindical e os dereitos laborais e salariais do persoal.