Comeza a recollida de sinaturas por un Sistema Público Galego de Atención ás Persoas

A CIG desenvolverá actos en vilas e cidades para sumar o máximo de apoios
Nacional - 02 Feb 2021

Unha vez cumprimentados os trámites no Parlamento de Galiza e tras a Xunta Electoral admitir a trámite a Proposición non de Lei de Iniciativa Popular, a CIG bota a andar a recollida de sinaturas en demanda dun Sistema Público Galego de Atención ás Persoas, que se desenvolverá nos vindeiros catro meses. Un período no que a central sindical ten previsto realizar actos diversos en vilas e cidades do país para sumar os máximos apoios para esta iniciativa.

A pandemia da COVID-19 visibilizou a importancia e o carácter esencial dos coidados e deixou ao descuberto, non só o insuficiente investimento público destinado aos servizos de atención das persoas, senón tamén as perversións do modelo de xestión privada instaurado polo PP desde o goberno da Xunta de Galiza. Un modelo que concibe as necesidades asistenciais como un negocio que basea os seus beneficios na precarización das condicións laborais das traballadoras e traballadores que desenvolven estas tarefas. 

A pendemia visibilizou a importancia e o carácter esencial dos coidados

Diante desta situación a CIG defende a necesidade de que se articule un Sistema Público de Atención ás Persoas que integre as residencias da terceira idade, centros de día, de atención á discapacidade, axuda no fogar ou servizos como as Casas Niño, Casas da/o Maior, Xantar na Casa. Unha rede única de xestión, 100% pública, dotada tanto das infraestruturas como dos medios materiais e de recursos humanos necesarios.

Os servizos sociais teñen que deixar de ser unha actividade socialmente pouco valorada e precaria para pasar a ser considerados servizos esenciais, que deben ser prestados pola administración pública en condicións de calidade asistencial para as persoas e con condicións de traballo dignas e estábeis para o persoal encargado dos coidados.