Combater a precariedade laboral na sanidade pública

- 08 Mai 2019

A CIG-Saúde leva anos alertando das graves consecuencias que a precariedade laboral ten na sanidade pública. Afecta directamente ao persoal que a sofre, porque se ve obrigado a sobrevivir con contratos por días ou por horas, cunha mobilidade e rotación constante por distintos servizos. Unhas condicións laborais que impiden ter un proxecto de vida pola incerteza laboral que provocan.

 

Mais esta precariedade laboral tamén ten consecuencias no persoal fixo, porque ao non se dar cobertura a todas as ausencias aumenta a súa carga de traballo, provoca desprazamentos dentro dos hospitais, dun servizo a outro, e dificulta o seu traballo. 

Na CIG-Saúde avogan por un sindicalismo forte que garanta os dereitos dos traballadores/as e dos pacientes

Tanto a rotación do persoal eventual, como os desprazamentos do persoal fixo teñen tamén consecuencias para o conxunto da poboación, usuarios/as da sanidade pública.

María Xosé Abuín, secretaria nacional da CIG-Saúde, denuncia que se racha a continuidade asistencial “porque te atende persoal de atención primaria, facultativos/as de familia ou persoal de enfermería diferentes cada día” e matiza que “afecta especialmente á atención primaria, onde a falta de persoal provoca non só sobresaturación e listas de agarda, senón tamén impide que se realicen tarefas propias como atención domiciliaria ou traballos na comunidade importantes”.

Recortes e taxa de reposición

Esta precariedade laboral, derivada das políticas de recortes da Xunta do PP, vese agravada pola imposición, desde o principio da crise, dunha taxa de reposición que derivou nunha grave falta de persoal na sanidade pública. “Unha situación que se mantén a día de hoxe e que continuará por mor do acordo asinado por CCOO, UGT e CSIF a nivel de Estado que foi ratificado posteriormente por estas mesmas organizacións sindicais en Galiza”.

Abuín denuncia que este acordo condena a sanidade pública e o seu persoal a padecer esta situación até o ano 2020 porque “impide a cobertura, con prazas estábeis, das vacantes producidas nos últimos anos polas xubilacións, mais tamén impide a creación de novas prazas para atender ás novas demandas”.

Privatización da sanidade pública

Esta realidade contrasta coa falacia do Goberno do PP ao afirmar que o orzamento destinado á sanidade este ano foi o maior da historia. “O que non di é que dese orzamento hai que detraer todos os canons polas privatizacións que levan realizadas, nas que se inclúen o pagamento do hospital de Vigo, a central de compras, os concertos con centros sanitarios privados ou o concerto tecnolóxico, entre outros”. Cantidades que sumadas supoñen derivar cartos públicos, imprescindíbeis para garantir condicións de traballo dignas e unha atención sanitaria de calidade, cara ao sistema privado.

Abuín afirma que a política do PP provocou que a sanidade privada en Galiza, que era até hai uns anos xestionada por empresas familiares, “pasase a ser absorbida por grandes corporacións privadas que desembarcaron de Madrid para facerse cos inxentes beneficios obtidos directamente das arcas públicas”.

Fronte a isto a CIG-Saúde avoga por un sindicalismo forte que defenda non só os dereitos das traballadoras/es, senón tamén os intereses das galegas/os, “porque o diñeiro público hai que destinalo a garantir unha sanidade pública e universal de calidade que achegue os servizos sanitarios á poboación para que esta non estea discriminada en función de onde viva. E iso, hoxe, só o garante a CIG-Saúde”.