
CIG-Saúde reclama a apertura de todas as plantas do HULA para evitar colapsos no hospital

CIG-Saúde denuncia a saturación que sofren as urxencias do HULA, onde esta noite permaneceron nove doentes nos box, xa que observación estaba chea. Esta situación prodúcese, lembran, porque a Xerencia decidiu pechar a unidade de hospitalización 4B1, xa que o persoal contratado para este servizo está sendo desviado para cubrir ausencias noutras unidades.
Dende a CIG-Saúde defenden que esta planta debería permanecer aberta todo o ano e "non ser usada como comodín". "Todo isto o único que causa son trastornos derivados da desorganización á hora da súa apertura, persoal novo, falta de material, protocolos, etc. E tamén cando pecha a desorganización trasládase ao resto do hospital incluída a urxencia, que se utiliza como unidade de hospitalización restándolle capacidade de atención urxente".
Fronte a isto, a CIG-Saúde de Lugo reclama que se abran todas as camas e se dote co persoal necesario a todas as unidades para evitar os colapsos e saturacións nas urxencias e garantir unha atención sanitaria de calidade.