
CIG-Saúde congratúlase pola decisión do SERGAS de atender as súas demandas para reforzar o centro de saúde de Viveiro

A CIG-Saúde da Mariña saúda que o SERGAS teña en conta as súa demandas e dote dunha cuarta médica e enfermeira á quenda de tarde do centro de saúde de Viveiro. Porén, o sindicato nacionalista tamén lle lembra o resto das súas demandas ao SERGAS, as cales ven "fundamentais para rescatar a Atención Primaria en Viveiro".
Hai xa máis dun ano que a CIG-Saúde da Mariña, nunha xuntanza celebrada en Burela con Ramón Ares e outros membros da EOXI, pedía a creación dunha cuarta praza médica para o centro de saúde de Viveiro, para así garantir unha mellor atención sanitaria e evitar a sobrecarga asistencial. Segundo o SERGAS, en Galiza a media de pacientes por médico/a en Atención Primaria está en 1.282 tarxetas, algo que se incumpre en Viveiro, onde mesmo hai facultativos e facultativas con máis 1.800 pacientes na súa cota.
“Na quenda de tarde hai actualmente 4.714 cartillas e tres facultativos”, sinala a central nacionalista. Por todo o anterior e sabedores de que o SERGAS é coñecedor da situación, pedían a creación dunha praza médica a maiores en quenda de tarde, algo que será unha realidade a 1 de abril de 2019 segundo fontes do SERGAS.
Rescatar a Atención Primaria
A nova é positiva, froito da negociación, da denuncia pública e da forte mobilización social, mais CIG-Saúde da Mariña lémbralle o resto das súas demandas ao SERGAS para mellorar o sentro de saúde no Concello de Viveiro, onde ven fundamental "rescatar a Atención Primaria" e propoñen un plan que recolle medidas moi concretas:
1-.Mellorar os equipamentos no centro de saúde.
2-.Cobertura do 100% das ausencias e baixas dende o primeiro día.
3-.Atención fisioterapéutica no centro de saúde de Viveiro en quenda de tarde, xa que só se dispón dunha fisioterapeuta na quenda de mañá. Isto supón que o servizo e a instalación pública permanece pechada pola tarde, provocando longas listas de espera (de até un ano) ou a derivación a centros privados. Situación que se ve agravada desde o 31 de xaneiro en que o SERGAS rompeu o concerto para a prestación de servizos de rehabilitación con clínicas privadas na Mariña, e todas as persoas que eran atendidas nas mesmas viron suspendido o tratamento de fisioterapia, sen recibir ningunha información e solución ao respecto.
4-.Cobertura da praza de pediatra vacante.