A Xunta de Persoal do Hospital de Monforte reclama información tras coñecer polos medios a marcha do xerente

Monforte - 06 Nov 2020

A Xunta de Persoal do Hospital de Monforte denuncia publicamente o “ninguneo e o deixamento da dirección do hospital” até o punto de que a representación dos traballadores e das traballadoras tivo que coñecer polos medios de comunicación que o xerente marcha para Vigo como responsábel de hospitalización desa área sanitaria.

Neste senso, lembra que a interlocución por parte da dirección “nunca foi boa” e que “sempre nos tivemos que informar polos corredores dos cambios que se producían no noso hospital”. Unha falta de comunicación que reviste máis gravidade na actuación situación de emerxencia sanitaria pola Covid-19. “Non nos merecemos estar sen dirección e sen ter unha persoa interlocutora á que dirixirnos para tratar de solución calquera problema que poida xurdir”, aseveran.

Coñecida agora a marcha do que cualifican como “probabelmente o peor xerente que pasou por este hospital”, demandan da área sanitaria que convoque a maior brevidade á Xunta de Persoal par informar do que vai acontecer no hospital de Monforte “nestes tempos tan complicados”.