A Xunta de Galiza “vulnerou o dereito fundamental de folga” o 8 de Marzo
O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza vén de emitir sentenza estimando parcialmente o recurso presentado pola CIG contra os servizos mínimos decretados pola Xunta para a folga de mulleres convocada para o 8 de Marzo de 2021. O alto tribunal considera que ese decreto vulnera o dereito fundamental á folga ao impedir, cos abusivos servizos mínimos fixados, a participación nos paros de moitas mulleres, así como o da CIG, central sindical convocante.
A secretaria confederal das mulleres da CIG, Nicolasa Castro, denuncia que “ano tras ano e convocatoria tras convocatoria desde o goberno do PP na Xunta decrétanse servizos mínimos abusivos que acaban sendo anulados polos tribunais”.
Explica que a administración teima neste comportamento malia a CIG, en todas as xuntanzas, denunciar a reiteración do establecemento duns servizos mínimos exaxerados e que, pese a seren posteriormente anulados “cópianse literalmente no decreto seguinte sen argumentar nin xustificar a súa necesidade”. Algo que, sinala, o TSXG tamén recolle na sentenza que vén de ser emitida.
A secretaria das Mulleres considera “gravísimo” que a propia administración pública “vulnere unha e outra vez un dereito fundamental como o de folga” e denuncia que a “Xunta intenta boicotear calquera intento de defensa dos dereitos das mulleres traballadoras, neste caso, ou de calquera persoa traballadora, en caso precedentes tamén anulados polos tribunais”.
Neste sentido, a secretaria de Organización da CIG, Susana Méndez, subliña que “a folga é a ferramenta fundamental que ten a clase traballadora para defenderse dos abusos da patronal” e rexeita que sexa a propia Xunta de Galiza “que é quen ten que velar porque se preserven os dereitos das galegas e galegos, quen os está vulnerando”.
Mínimos anulados
En concreto, o TSXG dá a razón a CIG na impugnación dos centros dependentes de Política Social, transporte de residuos, centros educativos (persoal coidador, de limpeza e comedores), MeteoGalicia, Axencia Tributaria de Galicia, Servizo de Epidemioloxía e de Doenzas Transmisíbeis e CRTVG.
Castro fai especial fincapé nos centros dependentes de política social porque na maioría mesmo se aumentaron os servizos mínimos e porque, ademais, son traballos desenvolvidos maioritariamente por mulleres. Por iso denuncia que “impedir que as traballadoras exerzan o seu dereito á folga en sectores especialmente feminizados como estes, que ademais foron dos máis afectados pola situación que xerou a pandemia da COVID-19, demostra que a Xunta de Galiza pretende acalar as voces das mulleres que loitan polos seus dereitos”.