A prórroga dos ERTE afonda nos aspectos máis inxustos e reduce as coberturas

Non dá solucións para o persoal máis precarizado e non garante o mantemento do emprego
Nacional - 06 Out 2020

O Goberno español, UGT, CCOO e a patronal pactaron unha prórroga dos ERTE que incide nos aspectos máis inxustos desta medida: non hai garantías de mantemento dos postos de traballo, déixase toda a capacidade de decisión ás empresas, e segue sen achegarse solución aos traballadores e traballadoras temporais que perderon o seu emprego dende o 14 de marzo.

As medidas adoptadas até agora van na liña contraria do que a CIG entende resultaría máis beneficio e xusto para o conxunto da clase traballadora. “En cada acordo que sae do diálogo social afóndase na desprotección da clase traballadora e négase unha saída xusta á crise”, alerta o secretario xeral da CIG, Paulo Carril. Advirte que calquera medida para afrontar o crítico momento actual non pode manterse sobre a vixencia das políticas laborais e económicas aplicadas con dureza nestes anos, nomeadamente as reformas laborais e das prestacións por desemprego de 2010 e 2012. 

Anular as reformas faría que a negociación dos ERTE e dos ERE non estivera en mans exclusivas da empresa

“Anular estas reformas permitiría que a negociación dun ERTE ou ERE non estea en mans exclusivas da empresa, senón que requiriría do acordo coa representación sindical e recuperaríase o exercicio do control e, no seu caso, da autorización previa pola Administración”, explica. Xunto a isto, Carril subliña que, para minimizar o impacto dos ERTE, débese prohibir simultanealos con outras medidas lesivas como un descolgue salarial ou a inaplicación do convenio; e garantir de xeito xeral para toda a clase traballadora o chamado contador a 0.

Tamén obrigar as empresas a completar até o 100% dos salarios, reincorporar progresivamente a todo o persoal temporal da empresa principal ou externas que foi despedido e, como data límite, facelo no último mes de vixencia do ERTE.

Cambios na política fiscal

A CIG defende que estas coberturas sexan aplicábeis a todas as persoas traballadoras, incluíndo as que foron despedidas por causa desta situación ou que desde o 1 de xaneiro estiveran xa percibindo prestación por desemprego, tendo en conta que nesta nova prórroga redúcense as persoas que poden acceder ás condicións máis beneficiosas, deixando fóra precisamente a aqueles colectivos máis precarizados e aos que o Ingreso Mínimo Vital non está dando resposta suficiente. “Estas persoas deben poder beneficiarse, cando menos, do ‘contador a 0’ e ter garantido o cobro do 70% da base reguladora máis alá dos seis primeiros meses no desemprego”. 

A CIG demanda que se habilite un procedemento especial para o cobro puntual a día primeiro do mes das prestacións por desemprego

En relación con isto, Carril subliña á problemática de como afrontar o enorme gasto público xerado por esta situación extraordinaria, xa que a protección do capital prima sobre a protección social; é dicir, mantéñense as exoneracións abusivas das cotas empresariais mentres se desvían os fondos da Seguridade Social, do FOGASA e do SEPE.

“En vez de aplicar unha política fiscal progresiva ou recorrer a outras partidas (como os gastos militares ou os destinados á casa real), a solución que se ofrece pasa por reducir as coberturas e financiar estas medidas cos cartos de todos os traballadores e traballadoras”, critica.

Xunto a isto, a CIG demanda que se habilite un procedemento especial para o cobro puntual a día primeiro do mes das prestacións por desemprego e solucións aos problemas que o SEPE está xerando no recoñecemento da prestacións segundo as circunstancias persoais.