
A precariedade do traballo nos coidados centra as demandas da Secretaría das Mulleres o 25 de Novembro

Baixo o lema 'A precarización do traballo nos coidados é violencia machista', a Secretaría das Mulleres da CIG realizou once concentracións noutra tantas cidades e vilas galegas co gallo do 25 de Novembro, Día para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres. Nesta ocasión, a central sindical focalizou a súa campaña na explotación que está detrás de todas as actividades relacionadas cos coidados, a súa minusvaloración e a cada vez maior precarización.
Un traballo, asevera a secretaria confederal das Mulleres, Margarida Corral, imprescindíbel para o sostén da vida e que, polo tanto, tería que estar no centro das políticas públicas, mais pola contra “está invisibilizado, non se recoñece nin se valora e, en ocasións, incluso se desenvolve en condicións de semiescravitude”.
O traballo de coidados é imprescindíbel para o sostén da vida, polo que tería que estar no centro das políticas públicas
Neste “círculo explotador”, as administracións xogan un papel determinante e, por iso, a CIG levou as súas protestas principalmente ás portas das institucións “porque queremos quitarlle a careta a eses concellos e administracións que o 25-N fan plenos extraordinarios e penduran lazos e crespóns negros, mais son quen exercen violencia institucional contra milleiros de mulleres que traballan no sector dos coidados, sexa mediante xestión directa ou privatizados a través de empresas que as escravizan”.
A este respecto, Corral afirma que o estado ten a obriga e o deber de asumir a necesidade de socializar os coidados, recoñecéndoo como un dereito universal para todas as persoas, mais revalorizando e profesionalizando estas ocupacións. “Estamos fartas dun sistema que desmantela os empregos de calidade que deberían ser públicos, precarizando, explotando e escravizando as mulleres”.