A plataforma Vía Galega convoca unha manifestación baixo o lema ‘Galiza nación. Un pobo con dereitos’

A mobilización nacional terá lugar o domingo 18 de abril en Santiago
Nacional - 06 Abr 2021

Vía Galega, a plataforma social en defensa dos dereitos nacionais de Galiza, ten convocada unha manifestación nacional para o domingo, día 18 de abril, baixo o lema ‘Galiza nación. Un pobo con dereitos’, con saída ás 11.30 horas da Alameda compostelá e remate na Praza da Quintana.

Con esta mobilización culmínase a campaña que se veu desenvolvendo ao longo de seis meses por todo o país e que levou a debater sobre a condición nacional de Galiza e os seus dereitos como pobo en 25 vilas e cidades galegas. 

A marcha reivindicativa arrincará da Alameda e rematará na Praza da Quintana

Para Vía Galega a negación dos nosos dereitos colectivos, como o dereito de autodeterminación, leva implícita a limitación dos nosos dereitos individuais. “O exercermos a plena soberanía, o termos a plena capacidade política é imprescindíbel para paralizar as agresións que padecemos, impedir o espolio e dispoñer dos nosos recursos para desenvolver Galiza en base aos intereses e necesidades da maioría social”.

Defende que só con plenas competencias políticas, a riqueza, o excedente que xeramos e as grandes potencialidades do país estarán ao servizo de todos galegos e galegas e non dos intereses oligárquicos españois e transnacionais. “Queremos responsabilizarnos do noso futuro como pobo para termos maior benestar social, para rematar coa emigración, para crear emprego digno e para normalizar a nosa lingua e cultura, pois ninguén nos vai gobernar mellor que nós mesmos”.

Por iso anima a continuar a traballar para que sexa máis pobo o que asuma conscientemente a realidade obxectiva de que Galiza é unha nación, con vontade colectiva de existir e de exercer politicamente como tal. Para facer fronte á cada vez maior centralización política, como se comprobou coas actuacións relacionadas coa pandemia, e combater a españolización que procura destruír a nosa identidade, lingua e cultura e anularnos como pobo. En definitiva, para construír unha sociedade galega sen subordinacións, libre, máis xusta socialmente e democrática.