SOS Sanidade Pública convoca mobilizacións pola recuperación do sistema sanitario tras da pandemia

As protestas terán lugar por todo o país este mércores 21 de abril
Nacional - 06 Abr 2021

SOS Sanidade Pública fai un chamamento á poboación e ao persoal sanitario a mobilizarse –en todas as localidades de Galiza onde estea constituída a plataforma– o mércores 21 de abril, ás 20:00 horas, para demandar que se poña fin á utilización partidista da pandemia e pola elaboración dun plan para a recuperación do sistema sanitario público galego.

A pandemia chegou a unha Atención Primaria debilitada e deteriorada polos gobernos do PP, sen suficientes recursos humanos, materiais e organizativos. A Atención Primaria, que tería que ser fundamental para o seguimento, control e tratamento de doentes da COVID-19, tanto nos centros de saúde como nos seus domicilios, encontrouse cunha grave falta de recursos, que limitou a súa capacidade para poder asumir esas novas funcións e continuar atendendo axeitadamente ás outras patoloxías e demandas da poboación. 

O PP aproveita a actual situación de alarma social para modificar, por segunda vez, a Lei Galega de Saúde, recortando dereitos e liberdades cívicas de xeito inconstitucional

As barreiras de acceso aos centros de saúde e ás especialidades hospitalarias –que suspenderon consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas, sen poder dedicarse a outras doenzas non COVID-19–, afectan á saúde da poboación e están xerando un gran malestar, tanto do persoal sanitario –insuficiente e moito en precario–, como a nivel social.

A dificultade para comunicar cos centros de saúde e para recibir unha asistencia presencial, favorece que a poboación recorra ao sector privado, o que incrementa as desigualdades de saúde. Recuperar a consulta presencial e a actividade normal dos centros de saúde non debe supoñer volver á situación anterior de masificación e medicalización da Atención Primaria.

SOS Sanidade Pública responsabiliza desta situación ao SERGAS e á Consellaría de Sanidade, de onde saen as ordes para aplicar logo nos centros. Denuncia ademais a falta de información transparente que hai arredor das vacinas e rexeita que o PP aproveitase a actual situación de alarma social para modificar, por segunda vez, a Lei Galega de Saúde, recortando dereitos e liberdades cívicas de xeito inconstitucional.

Fronte a isto defende que o apoio social na loita contra a COVID-19 debe basearse no acordo e colaboración da poboación e non no temor a unhas sancións represivas.

Por todo iso agarda unha gran mobilización cidadá en demanda de que se destinen os orzamentos da Xunta e o financiamento que vén da UE a incrementar profesionais, combater a precariedade no sector e aumentar categorías en áreas como psicoloxía clínica, terapia ocupacional, fisioterapia ou logopedia, entre outras.