
A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo reclama a licitación inmediata do dragado

A Plataforma para a Defensa da Ría do Burgo (da que fai parte a CIG) realizou hoxe unha concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña, para demandar ao Goberno español que, dunha vez por todas, licite o proxecto de dragado da Ría do Burgo e se poida avanzar no proceso de recuperación e rexeneración ambiental da zona.
"Estamos cansos da espera e de que se demore ano tras ano as súas posta en marcha", denunciaba Manuel Baldomir, voceiro do colectivo. Lembrou os problemas que houbo dende o inicio con este proxecto e, tras pasar dous anos da aprobación do plan de impacto ambiental "agora veñen co conto de que a Ría do Burgo non se pode dragar mentres non se teñen os cartos orzamentados".
Criticou que o proxecto leve anos paralizado nun caixón e que dende o Executivo español se recorra nestes momentos á escusa de ser un Goberno en funcións para non avanzar. Neste senso, Baldomir subliñou que dende Bruxelas manifestaron que se darán todas as facilidades para que este proxecto saia adiante "e por iso reclamámoslle ao Goberno do estado que non o demore máis e o aprobe dunha vez". Urxiu a licitación inmediata do plan e que se soliciten as axudas da UE para que o dragado sexa unha realidade.

"A Ría morre e o Goberno non fai nada"
O representante do colectivo alertou que o número de mariscadoras e mariscadores que poden vivir da Ría do Burgo redúcese cada ano e das máis de 2.000 persoas que nos anos 80 traballaban na zona, agora apenas quedan uns 50 mariscadores/as de a pé e unhas 30 persoas de a flote, pero destas só saen a faenar unhas oito. "A Ría do Burgo morre, só está produtiva a un 18%, e o Goberno non fai nada. Estamos cansos e cansas de palabras e de que nos veñan con promesas en período electoral. Isto non pode seguir así, isto é un problema ambiental e socioeconómico que hai que arranxar".
Denunciou que no mes de xaneiro, o colectivo se reuniu co Subdelegado do Goberno "que nos asegurou que en tres meses o proxecto ía estar licitado, mais estamos a finais de novembro e todo segue igual".
Nesta liña, Baldomir tamén reclamou da Xunta de Galiza que interveña de xeito activo e presione ao Goberno español para avanzar nunha solución definitiva para a Ría do Burgo.