
A intervención pública é a solución para a continuidade industrial de San Cibrao

A sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza anulando o ERE de Alcoa abriu un novo escenario ao que a multinacional reaccionou formulando a posibilidade de retomar a venda, mais só da planta de aluminio e só a través da SEPI.
Porén, na primeira xuntanza á que convocou ao comité para abordar esta proposta, a empresa esixiu como condición indispensábel a desconvocatoria da folga indefinida, mais sen comprometerse á reconstrución das cubas, nin a incorporar o persoal necesario para evitar a parada forzosa das series de electrólises. É dicir, demanda ‘paz social’ sen ofrecer ningunha garantía de abandonar o seu plan de desmantelamento.
Deste xeito, Alcoa reafírmase na súa vontade de non continuar coa produción de aluminio primario na Mariña e segue sen darlle unha normalidade a actividade da fábrica que asegure as capacidades produtivas e o mantemento dos empregos agora e no futuro, posto que no prazo dos nove meses que estima durará o proceso de venda, as cubas irían morrendo até producir a caída das series.
Decisións políticas
Por iso, malia o enorme éxito que supón a sentenza do TSXG, a nulidade xudicial do ERE non ofrece unha solución definitiva para o complexo de San Cibrao, senón que esta depende de decisións políticas. Neste senso, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, insta novamente o Goberno español e a Xunta de Galiza a avanzar na intervención pública da factoría cunha solución amigábel a través da venda ou pola vía da expropiación, “mais en calquera caso asegurando unhas condicións na fábrica que permitan recuperar a produción industrial e manter os empregos”.
Carril subliña que canto máis demoren os Gobernos en actuar de forma decidida “máis corresponsábeis serán das decisións que poida adoptar Alcoa para consumar o seu plan de peche”. Pídelle ao Ministerio de Industria e á Xunta pór enriba da mesa un calendario con datas e actuacións concretas “como mostra do compromiso inequívoco de ambos os gobernos na continuidade produtiva de San Cibrao; pois sería intolerábel que, tombado o ERE, Alcoa puidese consumar o peche deixando morrer a fábrica aos poucos mentres enreda en negociacións infrutuosas”, advirte.
O secretario xeral da CIG salienta que chegar até este punto do conflito non sería posíbel sen a loita incansábel e o tremendo esforzo colectivo realizado polos traballadores/as e o conxunto da cidadanía da Mariña, e lanza un chamado a seguir coas mobilizacións “para forzar a intervención das administracións e dobregar as pretensións de Alcoa”.
Estatuto electrointensivo
Carril lembra que un dos argumentos de Alcoa para xustificar o ERE é o elevado custo da enerxía no Estado español e, malia isto, o Goberno demorou de maneira inxustificada durante dous anos a aprobación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo.
Unha regulación “que chega tarde e segue sendo insuficiente” para dar unha solución definitiva, posto que non aclara cal será a rebaixa efectiva no prezo da electricidade, malia que esta indefinición é á que se veñen agarrando as empresas para ameazar a continuidade dos postos de traballo e da actividade produtiva.
Tampouco modifica o mercado de casación de prezos no mercado maiorista aínda que isto constitúe a principal causa do alto prezo da luz para estas industrias; non se eliminan da tarifa o 100% das peaxes que non teñan unha relación directa co funcionamento do sistema; e rebáixanse os requisitos para ter a consideración de electrointensiva, desvirtuando así esta condición e diluíndo o impacto das compensacións por CO2.
Ademais non establece garantías reais de emprego e mantemento da produción, ao permitírselles ás empresas recortar até nun 80% os postos de traballo e a actividade. A maiores, alerta Carril, “fíase a dúas variábeis absolutamente arbitrarias conseguir un prezo estábel e competitivo: o prezo á baixa polo impacto que o Goberno cre suporá a introdución de renovábeis e a que as PPA sexan a solución facéndoas atractivas a través do Fondo de Reserva”.