
A CIG rodea o edificio central da Xunta para reclamar emprego digno e industria con futuro

A estación de tren, a estrada da Coruña, o campus Sur e San Lázaro foron os puntos dos que partiron, ao berro de “Feixó escoita, estamos en loita”, as catro marchas que confluíron en San Caetano para rodear o edificio da Xunta. Unha mobilización coa que, o pasado 15 de xuño, a CIG colapsou os accesos a Santiago para reclamar do Goberno Feixó unha saída galega xusta da crise, emprego digno e industria con futuro, e un cambio radical nas políticas fronte á crise.
Cunha marea de pancartas, delegadas/os dunha infinidade de sectores e empresas de todas as comarcas amosáronlle ao presidente os múltiples conflitos laborais abertos. Unha realidade que contradí a que insiste en presentar o aparello de propaganda do Goberno do PP.
A el se referiu no acto de peche da mobilización o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen asegurou que o PP “poderá, coa súa maioría absoluta e co uso antidemocrático que fai das institucións e dos medios de comunicación, ocultar, mentir ou manipular sobre a actual crise e as súas graves responsabilidades, pero non nos van calar nin silenciar”.
Denunciou a destrución de emprego; o desmantelamento dos nosos sectores produtivos básicos e industrias estratéxicas e a chamada descarbonización e dixitalización da economía, que é, en realidade, unha reconversión fatal, sen ningún tipo de transición social xusta e sen alternativas de reindustrialización e de postos traballo.
Cualificou o Goberno Feixó de “auténtico cabalo de Troia” polos anuncios que está a facer sobre os proxectos europeos, porque o seu modelo impide “termos dereitos, igualdade real, empregos, industria, servizos públicos, salarios, pensións e condicións de vida dignas en Galiza”. E asegurou que un Goberno galego merecente de tal, “canto menos debería pórse á fronte, a favor, e non en contra das e dos que reclamamos outras políticas”.
Por iso concluíu que “neste momento histórico a mobilización, a solidariedade, a unidade de clase, a loita obreira, a loita social, son o camiño para avanzar na conquista dun futuro digno como clase traballadora e como pobo galego”.