A CIG reclama a intervención pública das fábricas de aluminio en crise

Denuncia a inacción do Goberno español e da Xunta ante a incerteza e o deterioro das plantas da Coruña e San Cibrao
Nacional - 06 Abr 2021

A CIG denuncia a inacción do Goberno español e da Xunta de Galiza ante a incerteza e a deterioración das fábricas de aluminio da Coruña e de San Cibrao. Esta pasividade non ten xustificación cando resta menos dun mes para que remate o prazo fixado no proceso de negociación de venda da planta da Mariña sen que Alcoa e a SEPI teñan alcanzado aínda un acordo.

Non sería tolerábel que, logo dos abusos cometidos, a multinacional pretendese usar esta negociación para gañar tempo, na espera de que prospere o recurso contra a sentenza que anulou o ERE e poder efectivizar así a parada das cubas e o plan de peche que até o de agora freou a incansábel loita do persoal e do conxunto da comarca. 

A solución para o aluminio galego depende das decisións e da vontade política

Tampouco ten xustificación a inacción dos gobernos fronte ao desmantelamento, á represión sindical e aos despedimentos executados na fábrica da Coruña polo Grupo Riesgo, envolto ademais en investigacións por delitos de estafa, roubo e apropiación indebida; e tendo en conta que só quedan cinco meses para o remate das garantías de emprego derivadas da venda por parte de Alcoa.

É precisa e urxe, polo tanto, a intervención pública das fábricas como vía para garantir o mantemento de todos os empregos, da continuidade industrial e da actividade das cubas de electrólise que, no caso da Coruña, nunca se debeu aceptar que parasen.

A solución para o aluminio galego depende das decisións e da vontade política, non da acción nos xulgados, por iso cómpre intensificar a mobilización para lograr que os gobernos axilicen e concreten as necesarias solucións que dean futuro a un sector estratéxico para Galiza como o do aluminio.