A CIG leva ao Parlamento a Iniciativa Popular por un sistema público de coidados

A central sindical recolleu seis veces máis sinaturas das necesarias para iniciar o trámite
Nacional - 04 Xun 2021

A CIG presentou no Parlamento de Galiza, un total de 15.199 sinaturas para avalar a proposición non de lei de Iniciativa Popular pola que se insta ao goberno galego á creación dun Sistema Público Galego de Servizos de Atención ás Persoas.

Seis veces máis sinaturas das necesarias que foron recollidas en cidades e vilas no decurso dunha campaña na que se constatou que é unha necesidade poñer fin ás políticas de privatización dos servizos públicos, revalorizar os traballos de coidados e dignificar as condicións de traballo do persoal -maioritariamente mulleres-. 

A pandemia evidenciou o carácter esencial dos servizos de coidados e de atención ás persoas

A pandemia evidenciou o carácter esencial dos servizos de coidados e de atención ás persoas mais tamén puxo de manifesto as carencias de persoal e material; a falla de protocolos homoxéneos de funcionamento; os abusos patronais e os importantes niveis de explotación e precariedade existentes -e que teñen unha clara compoñente de xénero- tanto nos servizos de axuda no fogar como nas residencias da terceira idade e de persoas con discapacidade.

A creación dun ente público galego que concentre e preste todos os servizos, desde as residencias de maiores, até os centros de día, os centros de atención á discapacidade ou os servizos de axuda no fogar, entre outros, só depende de que haxa vontade política.

En loita nas residencias privadas

Só un 25% das prazas de residencia para maiores son públicas, o que obriga a poboación a recorrer ás privadas onde a pandemia sacou á luz as deficiencias cando comezaron a aumentar, de forma alarmante, os falecementos por covid das persoas maiores ingresadas. Algo que non ocorreu nas públicas, onde só houbo 5 casos.

Até tal punto chega a usura da patronal destes centros, que nas públicas hai unha media de 15 traballadoras máis, co mesmo número de persoas dependentes, que nas privadas. Isto supón unha sobrecarga de traballo enorme para o persoal mais tamén un recorte das prestacións que reciben as persoas dependentes.

Malia isto, a patronal do sector leva un ano atrasando a negociación do convenio para non ter que dar ningún incremento salarial e, sobre todo, que non teña carácter retroactivo.

Por iso a CIG-Servizos comezou a mobilizarse en demanda de que se avance na negociación, para poder garantir a estas traballadoras unhas condicións salariais e laborais dignas.