A CIG de Vigo pon en marcha unha recollida especial de alimentos para o Nadal

No marco do Plan de Axuda Alimentar Solidario que funciona dende hai sete anos
Vigo - 02 Dec 2020

A Unión Comarcal da CIG de Vigo vén de poñer en marcha unha campaña especial de recollida de alimentos para o Nadal no marco do Plan de Axuda Alimentar Solidario que funciona dende hai sete anos e do que se benefician mensualmente 40 persoas. A data límite para participar nesta iniciativa de solidariedade obreira remata o vindeiro 21 de decembro, xa que o reparto farase antes do inicio das festas. Por este motivo, dende a central fan un chamamento a que as doazóns, que se poden depositar nas caixas habilitadas no local, inclúan tamén produtos típicos destas datas.

A recollida de alimentos mantense aberta durante todo o ano, para que as persoas que así o desexen poidan contribuír coas súas achegas, tanto en produtos como mediante unha cantidade económica. Quen queira saber máis sobre esta iniciativa solidaria pode dirixirse ao local da CIG de Vigo.