A CIG centrou o 25N en denunciar o acoso ás mulleres nos centros de traballo

Nacional - 15 Dec 2021

A secretaría das Mulleres da CIG centrou este ano a campaña do 25 de novembro en denunciar o acoso que sofren as mulleres no ámbito laboral. Un tipo de violencia machista, sinalou a secretaria confederal das Mulleres, Nicosala Castro, que permanece silenciada até o punto de que “non se recollen dados nas estatísticas, nin se fan campañas institucionais” para a toma de conciencia social.

Considerou que, por iso, “moitas traballadoras non identifican con acoso condutas sexistas normalizadas na cultura patriarcal, como comentarios sexistas, piropos, chistes machistas… que, pola súa intencionalidade e reiteración, poden chegar a constituír acoso”. 

Moitas traballadoras non identifican con acoso condutas sexistas normalizadas na cultura patriarcal

Para darlle visibilidade a esta realidade, co gallo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, a CIG realizou concentracións en nove localidades baixo o lema “É acoso, é violencia machista no traballo”, coas que se quixo chamar a atención “sobre a violencia machista coa que convivimos as mulleres nos centros de traballo”, identificar as situacións de acoso e concienciar de que “o acoso é un delito”.

Só se denuncia o 8% dos casos

Castro lembra un inquérito da Axencia de Dereitos Fundamentais da Unión Europea realizado a 42.000 mulleres de 28 Estados, que revela que o 55% foron vítimas de acoso sexual polo menos 1 vez desde os 15 anos e o 32% destes acosos sucederon no contorno laboral, onde o 90% das persoas acosadas son mulleres.

Matiza que, porén, o número de denuncias por acoso é mínimo e que “a inmensa maioría das traballadoras optan por calar por medo a non seren cridas, a represalias e mesmo ao despedimento”.

Ademais, os datos do informe de 2015 da Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e Traballo revelan que “no Estado español só se denuncia un 8% dos casos de acoso e na UE a media é de 14,9%”.

A secretaria das Mulleres da CIG apunta á responsabilidade das empresas porque “moitas incumpren a lei de igualdade de 2007, que obriga a contar cun protocolo para a prevención e tratamento do acoso”. Aínda así, “nin a Xunta, nin o Goberno do Estado publican datos sobre o número de empresas que implantaron protocolos contra o acoso, nin sobre o número de denuncias interpostas por este concepto na Inspección de Traballo ou no ámbito xudicial”.

Neste senso, salienta que o acoso “atenta contra a dignidade e integridade das persoas, afecta gravemente a saúde de quen o padece e impide a promoción e o desenvolvemento profesional, obrigando en moitos casos ao abandono do traballo”.

Por iso urxe a enfrontar a violencia de xénero contra as mulleres no traballo, “que se coñeza a situación real, exixirmos a aplicación dos protocolos nas empresas e denunciarmos na Inspección de Traballo e nos xulgados”.

IX Encontro nacional de delegadas da CIG

O mércores 15 de decembro ten lugar en Compostela o IX Encontro nacional de delegadas da CIG co obxectivo de continuar coa posta en común de coñecementos, experiencias e puntos de vista sobre a situación sociolaboral, política e sindical das galegas.

Durante o encontro analizarase o impacto da pandemia nas condicións de vida e traballo das mulleres galegas nos distintos sectores, definiranse as liñas de traballo para o próximo semestre e debateranse os obxectivos da CIG de cara ao 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, de 2022.

Así mesmo, aproveitando a participación no encontro nacional, as delegadas da CIG sairán en manifestación dende o edificio Cersia até o complexo administrativo da Xunta en San Caetano para demandar políticas e medidas que permitan avanzarmos cara á igualdade efectiva entre homes e mulleres en todos os ámbitos.