
A CIG-Banca inicia mobilizacións na defensa do emprego e do acceso aos servizos financeiros

O proceso de reconversión e concentración bancaria iniciado coa crise financeira de 2008 tense amosado como un auténtico fracaso no plano económico, laboral e social. Na última década en Galiza destruíronse máis de 3500 postos de traballo no sector e pecháronse 653 oficinas, excluíndo a milleiros de galegas e galegos do acceso aos servizos bancarios.
Tamén perdemos soberanía financeira ao quedarmos sen as caixas de aforros e a súa obra social, nin entidades con arraigo no país, dificultando así o acceso ao crédito para as pequenas e medianas empresas. Pero esta reestruturación aínda non rematou e a estas demoledoras cifras haberá que sumar os despedimentos e a desaparición de oficinas co novo ERE do Banco Santander, que a empresa pretende xustificar por unha suposta baixada na demanda da atención presencial despois de forzar a dixitalización da clientela sen importar a súa idade, recursos ou coñecementos.
Diante disto, a CIG-Banca xa iniciou un calendario de mobilizacións na defensa dos postos de traballo no Santander e lanza un chamamento á sociedade galega e ás administracións locais na defensa do acceso aos servizos financeiros.
Non podemos permitir que as veciñas e veciños do rural se vexan na obriga de desprazarse a outros concellos ou que as persoas maiores, as que non dispoñen de medios tecnolóxicos ou teñen unha baixa alfabetización dixital se vexan excluídas destes servizos.
Pasividade da Xunta
Neste senso, a secretaria nacional de CIG-Banca, Sefi Romero, denuncia a falta de implicación da Xunta de Galiza, que asiste pasiva a este proceso e que a única medida que promove para que no rural teñan acceso aos servizos financeiros “é sacar a concurso a colocación de caixeiros automáticos, coa perversidade de subvencionar as mesmas entidades ás que primeiro permitiu pechar oficinas”.
O obxectivo desta concentración bancaria, alerta Romero, “só é garantir aos grandes investidores de capital nos bancos rendibilidades por enriba do 10%, tal e como no seu momento avanzaron Luis de Guindos, do Banco Central Europeo, CECA (patronal das caixas) ou AEB”.