A CIG aposta por un convenio de produtos elaborados do mar con subas salariais dignas e melloras de tipo social

Advírtelle a CCOO e UGT que non vai facer parte de “farsas” para negociar só incrementos de soldos “que ademais son totalmente insuficientes”
Nacional - 30 Xan 2026

A CIG aposta por un convenio colectivo do sector de produtos elaborados do mar que contemple suba salariais dignas e melloras de tipo social, polo que lle advirte a CCOO e UGT que non vai facer parte de “farsas” para negociar só incrementos de soldos “que ademais son totalmente insuficientes”.

Na central explican que as negociacións do convenio, que caducou o 31 de decembro de 2024, comezaron en febreiro do ano pasado. No mes de xuño a patronal ofreceu unha suba salarial do 4% -sen entrar a negociar ningunha outra cuestión-, que as centrais estatais aceptaron e que foi aplicada. 

Para nós os convenios son moito máis que incrementos de soldos

Agora, cando se veñen de retomar as conversas, o empresariado dá por pechado o exercicio 2025 e opta por negociar unicamente a partir de 2026, propoñendo un convenio a catro anos (2026-2029). E ofrecendo unha suba salarial do 3% en 2026, do 2,75% en 2027, do 2,5% en 2028 e do 2,5% en 2029, que a CIG considera “totalmente insuficiente” xa que ademais contempla unha cláusula de revisión salarial topada ao 0,75% cada ano y sen atrasos.

“Sorprendentemente, CCOO e UGT consideraron esta proposta como un avance nas negociacións, expresando a necesidade de que a parte social elaborase unha proposta conxunta para trasladarlle á patronal. Pero deixámoslles claro que non imos participar en farsas para pactar só subas salariais que ademais son ridículas, porque para nós os convenios son moito máis que incrementos de soldos. E non imos lexitimar acordos como o recente no sector da conserva, que as centrais estatais aproveitaron para suspender as mobilizacións”, sinalan dende a FGMT-CIG.

Actitude irresponsábel

Tras isto as representacións de CCOO e UGT decidiron abandonar a xuntanza, na que xa non estaba a patronal, que se ausentara mentres as centrais abordaban a proposta. “Pero os sindicatos estatais din agora que nós rompemos as negociacións cando foron eles os que saíron da reunión, por non falar de que a mesa segue aberta. E as acusacións contra a CIG son un intento de xustificar a súa actitude irresponsábel”.

Finalmente, dende a central sindical reiteran que a súa proposta para o sector contempla un convenio a tres anos (2026-2028) cunha suba salarial do 5% en cada un dos exercicios e co establecemento dunha terceira paga extra. Mais tamén cuestións fundamentais como a redución de xornada e melloras de tipo social en materia de licenzas e de categorías profesionais.