A CIG aposta pola mobilización para recuperar dereitos laborais e salariais coa negociación colectiva
A CIG presentou esta mañá, en rolda de prensa, o Informe de Rendas Salariais do último ano, no que se constata o medre das desigualdades e da precariedade; a perda de capacidade adquisitiva da clase traballadora, por mor do modelo económico e de relacións laborais nacido das diferentes reformas laborais aprobadas desde o 2010, nomeadamente a de 2013, que supuxeron un duro ataque ao dereito á negociación colectiva e tiveron consecuencias alarmantes no mercado laboral, xeneralizándose os empregos mal pagados e de escasa duración, onde unha de cada cinco persoas asalariadas apenas chega ós 2.000 euros brutos anuais ou onde un terzo da poboación ingresa, como máximo, o SMI.
Unha situación diante da que defenderá toda unha serie de propostas, en materia de negociación colectiva, para defender ao longo de 2019 co obxectivo de combater esta situación e recuperar os dereitos laborais e salariais da clase traballadora galega.
Así o explicou o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen tirou do Informe de Rendas Salariais elaborado polo Gabinete Técnico Confederal para demostrar o “alarmante” que é a situación. Un Informe realizado a partir dos últimos datos proporcionados nos Informes Anuais sobre Mercado de Traballo e Pensións nas Fontes Tributarias pola Axencia Tributaria.
Perda de poder adquisitivo
Carril denunciou a perda de poder adquitivo e o medre da desigualdade salarial, e polo tanto, social como consecuencia da crise e advertiu que o 70% dos convenios asinados no ano 2018 carecen de cláusula de garantía salarial, o que, ao seu entender, “pon de manifesto que aínda está lonxe a recuperación dos salarios perdidos dende o comezo da crise”.
Subliñou que a perda de poder adquisitivo desde o 2009 ao 2018 é maior do 11% e que, un ano máis “as diferenzas no PIB entre as rendas do traballo e as rendas do capital vanse a agrandar”. Asegurou que en Galiza “pasamos dun salario medio do 95,5% da media do Estado español no 2009 ao 97,5%, producíndose un medre das diferenzas por ingresos salariais”.
Lembrou que os últimos datos do paro “constatan a gravidade desta situación”, porque “hai menos persoas desempregadas rexistradas nos servizos públicos de emprego, pero descende tamén a afiliación á Seguridade Social respecto do mes anterior en 3.764 afiliadas de media respecto ao mes de novembro” o que confirma de novo que a destrución de emprego é moi superior ao que se percibe no paro rexistrado.
Emigración
Sinalou que, de feito, a perda de emprego asalariado, desde o comezo da crise en Galiza é do 6,2% fronte ao 0,6% destruído no Estado español e que isto, xunto coas baixas na Seguridade Social, que son sempre superiores ás altas, confirman que “o que medra é a emigración”.
Denunciou a perda xeneralizada de poder adquisitivo e o aumento da precariedade en todos os sectores, que se traduce en que un terzo da clase traballadora galega perciba ingresos inferiores ao SMI (735,90). Un feito que relacionou directamente “co aumento das empresas multiservizos e centros especiais de emprego, aos cales aínda non fomos quen de parar e seguen aumentando a súa presenza”, mais tamén o incremento dos falsos autónomos, “nova forma de explotación fomentada con medidas de apoio e promoción por parte da administración do estado e galega” ou o uso indiscriminado de ETTs que, nalgúns sectores, son xa máis do 50% dos cadros de persoal.
O secretario xeral da CIG alertou do aumento dos contratos a tempo parcial, que supoñen un 15% do total da clase traballadora galega ou a falta de regulación e control no traballo transfronteirizo e nas condicións laborais e salariais destes traballadores/as.
Sobe o PIB pero perde peso a poboación asalariada
No que atinxe o reparto da riqueza, Carril apuntou que no ano 2017 se superaron os niveis no PIB e de produción previos a crise. Catro anos con crecementos superiores ao 3% do PIB conseguíronse “cun nivel de emprego asalariado en Galiza inferior ó ano 2009 nun 6,2%”.
O peso das rendas do traballo no PIB pasou do 48% en 2009 ao 42,7% no terceiro trimestre do 2018
Neste sentido sinalou que a participación da poboación asalariada na renda segue descendendo pasando do 48% do PIB no ano 2009 ao 42,7% no terceiro trimestre do 2018. “Un descenso de 5,3% que mostra o profunda que é esta crise e as políticas de saqueo constante as clases traballadoras” porque nese mesmo período as rendas do capital medraron o 3,8%.
Desde o ano 2009 até o 2017 os salarios só aumentaron nun 1,4%, mais “se temos en conta a inflación neste período, que foi do 11,4%, dános que a perda de poder adquisitivo real da poboación asalariada foi neste período do 10%”.
Fendas salariais
Xunto a isto, advertiu do aumento das desigualdades. “Crece o emprego de salarios máis baixos e descende nos de maior contía incrementándose a fenda entre os de menores e maiores ingresos de forma exponencial. A desigualdade entre a poboación moza e a de maior idade tamén se incrementou. Traballar nunha actividade económica ou noutra leva a fortes diferenzas salariais, o mesmo que ser home ou muller, en resumo un mercado cada ano máis precario e polarizado”.
Os poucos empregos que se crean son nos tramos de menores ingresos salariais, nos de maiores ingresos continúa descendendo o número de asalariados. O maior medre de persoas asalariadas por tramo de ingresos dáse nos ingresos inferiores a 0,5 veces o SMI, cun medre do 14,8% (23.411 persoas máis). É neste intervalo, ademais onde o ingreso medio medra menos, tan so un 3,7%.
O grupo de ingresos inferiores á metade do SMI, pasou dun 14,5% no ano 2009 a un 17,8% en 2017
No ano 2009 os traballadores e traballadoras con ingresos menores ou iguales ao SMI eran o 26,6% do total, pero no ano 2017 foron o 31,3%, 4,8 puntos máis. O grupo de ingresos inferiores á metade do SMI, pasou dun 14,5% no ano 2009 a un 17,8% en 2017, sendo este o intervalo que agrupa ó maior número de persoas traballadoras, cuns ingresos medios anuais de 2.020 euros.
Todo o emprego que se perdeu neste período foi entre os menores de 35 anos onde tamén descendeu máis o salario medio anual. “Son os que teñen os ingresos máis baixos e son os que máis descenderon en número neste período: reduciuse fortemente o número de traballadores/as con menos de 18 anos, concretamente un 49,4%, pero aínda se reduciron máis os ingresos salariais deste grupo, xa que a caída dos mesmos foi do 69,1%, cunha caída de ingresos de 1.347 euros/ano”.
Entre os 18 e os 35 anos, descendeu o emprego asalariado máis dun 30%, 142.000 persoas menos, e entre os traballadores/as con idades comprendidas entre os 18 e 25 anos os seus salarios descenderon un 21,4%, 1.783 euros/ano menos.
302.233 menores de 36 anos non acadan o salario medio anual galego
No caso dos traballadores e traballadoras de entre 26 e 35 anos o descenso do salario medio anual foi do 7,3%, 1.112 euros/ano menos. Até os 25 anos os asalariados/as galegos acadaron uns ingresos inferiores ó SMI, 6.558 euros/ano. “Só a partir desta idade os ingresos comezan a medrar de forma progresiva ata a idade de xubilación, onde de novo se produce un descenso”.
As 302.233 persoas traballadoras menores de 36 anos non acadan o salario medio anual galego. “Estamos falando como moito de mileuristas”, afirmou.
Aumento da desigualdade por sectores de actividade
Paulo Carril sinalou que medra tamén o emprego nas actividades de salarios máis baixos, nos que incluso se manteñen inferiores os do ano 2009 e que agás no sector primario e en Outros servizos a empresas e Servizos persoais e de ocio, “no resto das actividades produtivas hai en 2017 menos persoas traballando que o inicio da crise no ano 2009”.
Xunto a isto apuntou que hai 3 actividades cuxos salarios nominais aínda se manteñen hoxe inferiores ao ano 2009: Servizos a empresas, Servizos sociais e Outros servizos persoais e de ocio; que neste último sector é onde realmente se creou emprego (un 29,1%, 28.185 empregos máis), mais tamén onde sa dan os ingresos por salario máis baixos de toda a táboa e inferiores ós do ano 2009, xa que non chegaron ao 50% do salario medio anual.
A este respecto denunciou que “son salarios inferiores ao SMI. É a actividade cos salarios máis baixos de todas, e é onde medrou o emprego de forma máis apreciable. Outro dato máis para sumar o medre das desigualdades”.
Os segundos salarios máis baixos, que se reduciron nun 2,3% respecto 2009, son na rama de Servizos a empresas onde o emprego medrou un 8,5% (10.000 persoas máis). “Os salarios son o 77% do SMA, os segundos máis baixos”.
Por iso chamou a atención sobre o medre das desigualdades entre ramas de actividade e asegurou que “no ano 2009 a diferenza entre a de maiores ingresos (entidades financeiras) e menores (servizos persoais e de ocio) era de 125 puntos. No ano 2017 foi de 131,4 puntos porcentuais”.
Non diminúen as desigualdade por xénero
A pesar de que durante este período se produciu un acercamento entre os ingresos por salarios das mulleres e dos homes, os das mulleres seguen sendo moi inferiores ós dos homes. No ano 2009, os ingresos das mulleres representaban o 76,9% dos dos homes. No ano 2017 representan o 78,4%, 1,5 puntos menos de diferenza. Porén, “a fenda salarial mantense no 21,6%”.
A fenda salarial das mulleres mantense no 21,6%
Diante destas cifras advertiu que “ese achegamento nos salarios non se produciu polo medre dos ingresos femininos, senón pola destrución de empregos masculinos mellor remunerados, deuse polo tanto un acercamento a baixa”.
No que atinxe o emprego, foi entre os homes onde se destruíu emprego neste período, concretamente un 11,6% desde 2009, entre as mulleres medrou a ocupación un 2,9%.
As consecuencias do aumento da precariedade e a pobreza laboral
Medra o emprego precario, aumentando as/os traballadoras/es pobres, que son 182.120, e ingresan a metade do SMI. Pérdese poboación activa por mor da crise e da emigración: 175.300 persoas menores de 40 anos dende o comezo da crise (2009). Pérdese poboación ocupada porque o número de empregos perdidos desde que comezou a crise é de 103.000 dende o ano 2009. Pérdese tamén emprego entre a mocidade. Entre as/os menores de 34 anos a caída do emprego afectou a 150.200 persoas, 4.000 persoas máis que no 2016. Medrou a taxa de temporalidade por encima do 27%, en 2017, un punto máis que no 2016 e o 15 % da poboación ocupada ten xornada parcial.
Diante desta situación lembrou a experiencia na negociación colectiva en 2018, que demostra que “o único camiño na loita contra situacións extremas de precariedade é o da axitación social, a mobilización e a conflitividade”, porque por primeira vez desde o comezo da crise permitiu que o incremento medio dos convenios negociados puidera colocarse en niveis semellantes aos do Estado español con incrementos salariais de arredor do 1,75%. Con todo, Carril matizou que este dato hai que poñelo en relación co feito de que existen unha grande cantidade de convenios, especialmente de sector, que están paralizados.
Obxectivos: recuperación de dereitos, salarios e loita contra a precaridade e a pobreza salarial
O secretario xeral da CIG apuntou como obxectivos prioritarios da central sindical na negociación colectiva para o ano 2019. Porén, matizou que “isto pasa pola mobilización e por exixir do goberno español a derrogación inmediata da reforma laboral para que poidamos construír un futuro onde non se consolide a precariedade e a pobreza laboral como alternativa de futuro”.
A isto engadiu tamén que só con esa mobilización poderáselle “arrincar á patronal que no reparto da riqueza non siga provocando esta situación social tan brutal como a que acabamos de evidenciar”. Por iso considerou que as solucións “non van vir da concertación ou do diálogo social e que teñen como último exemplo a sinatura do IV Acordo Marco de Negociación Colectiva, unha realidade destrutiva para crear unha base mínima de salarios e de emprego digno”.
O secretario xeral da CIG concluíu poñendo en valor a negociación colectiva e reafirmando a necesidade da defensa do Marco Galego de Relacións Laborais, dándolle prevalencia aos convenios de sector, provinciais e autonómicos “para evitar que esta lóxica perversa da centralización da negociación colectiva, xunto cunha individualización das relacións laborais, froito da reforma laboral, conduza a que se consolide unha situación de pobreza laboral e precariedade”.
Propostas en manteria de Negociación Colectiva para 2019
O secretario confederal de Negociación Colectiva, Francisco González Sío foi o encargado de presentar as propostas da CIG na materia. Propostas que se enmarcan nun contexto no que hai unha prevalencia dos convenios estatais e de empresa sobre os sectoriais, provinciais e autonómicos e que provocan “empobrecemento da clase traballadora” porque, segundo explicou, “é nestes convenios onde os incrementos salariais son máis febles”.
Para González Sío, que se conseguira unha media do 1,75 e, polo tanto, igualar a media do Estado ten moito que ver coa sinatura dalgúns convenios provinciais con certa implantación en Galiza e con incrementos superiores ao IPC deste ano.
Con todo matizou que con este incremento “non houbo ningunha suba salarial respecto do nivel de vida e seguimos aumentando o empobrecemento da clase traballadora”. Por iso sinalou que, para a CIG, é fundamental centrar a negociación colectiva na recuperación salarial, entendendo que os incrementos deben ser superiores ao que suba o nivel de vida porque “senón seguiría descendendo o peso dos salarios no PIB respecto do peso das rendas do capital, medrando a precariedade e a pobreza laboral”.
Para conseguir a recuperación salarial os incrementos deberían ser do 3%
Para conseguir a recuperación salarial a CIG entende que os incrementos deberían ser, con carácter xeral, de arredor do 3%. Con respecto do SMI, que vén de situarse en 900 euros mensuais -o 56% do salario medio do Estado- a CIG defende que, tal e como marca a Carta Social Europea, este se sitúe no 60%, isto é, en 992€.
O secretario confederal de Negociación Colectiva tamén defendeu recuperar nos convenios a Carta de Garantía salarial é que os salarios teñan os mesmos incrementos que o IPC.
Xunto a isto defendeu a prohibición das duplas escalas salariais e as categorías de entrada que son novas formas de precarización que se están introducindo nos convenios colectivos que fan que os traballadores novos que entren nas empresas ou en diferentes sectores teñan salarios inferiores aos traballadores/as que xa levan tempo. “Entendemos que hai que erradicar estas fórmulas de precarización dos salarios dos traballadores/as novos”.
Temos que parar a subcontratación porque iso aumenta a precarización das condicións laborais
Respecto da loita contra a precarización e a pobreza laboral, propuxo aumentar o control da subcontratación e das ETTs. “A subcontratación nas grandes empresas en Galiza está aumentando. Case todas as actividades que teñen que ver coa produción están pasando a man de empresas externalizadas e o das empresas principais sempre ten que ver con actividades que están moi ligadas á parte técnica. Entendemos que temos que parar a subcontratación porque iso aumenta a precarización das condicións laborais”.
Neste sentido propuxo tamén limitar a contratación a tempo parcial e limitar os falsos autónomos, que está aumentando en moitos sectores, xa non só na Construción ou no Transporte senón tamén mesmo en empresas de Alimentación, entre as que lembrou o caso de Servicarne.
Advertiu ademais da necesidade de controlar o traballo transfronteirizo, que é unha nova forma de precarización que empobrece á clase traballadora galega porque aos traballadores/as que veñen de Portugal se lles aplican as condicións laborais portuguesas onde o SMI é de 575 € e escapan dos salarios de convenio que hai aquí.
No relativo ás empresas multiservizos e Centros Especiais de Emprego, González Sío foi taxativo “é necesario prohibilo e onde non sexa posíbel, limitalo”. Explicou que as empresas multiservizos, que son case todas de ámbito estatal e moi precarizadoras, están collendo actividades secundarias que antes estaban moi ligadas ao tecido empresarial galego e que “están sendo laminadas por esas empresas que non só precarizan as condicións das traballadoras/es galegas/os senón que, pouco a pouco, van acabando co tecido empresarial, que era o que se rexía polas condicións laborais dos convenios que aquí se asinaban”.
Nos contratos a tempo parcial é onde hai máis fraude nas horas
Diante da alta taxa de externalización propuxo tanto o control das subrogacións como da xornada laboral con medidas de reparto do traballo e de control da xornada. “As xornadas laborais son moi altas, sobre todo nos contratos a tempo parcial, que é onde se dá máis fraude nas horas. Todos sabemos que aínda que os contratos sexan de catro horas diarias a súas xornadas son moi superiores e no rexistro da xornada é onde se pode controlar as condicións de traballo e a pobreza laboral”.
No que ten que ver coas quendas de fin de semana, como medida de reparto de traballo propuxo a supresión das horas extra, que están aumentando, e facer quendas que ocupen estes días nos que se recorre a horas extra para días festivos, de ponte, de fin de semana. “Faría que tiveramos unha ferramenta de reparto de traballo”.
A CIG tamén presentará propostas como a introdución de cláusulas de desconexión dixital, entendendo que en sectores como o financeiro, o teletraballo está aumentando e é unha realidade de difícil control sindical. “Entendemos que nestes convenios temos que controlar este tipo de novas realidades que hai co traballo dixital porque aquí tamén hai outra forma de precarización das condicións de traballo”, concluíu.