A central lidera a conflitividade laboral e a mobilización social no noso país

Nacional - 20 Out 2021

O Informe da Executiva saínte, que recolle o traballo desenvolvido pola CIG dende a celebración do anterior Congreso, saíu adiante con 465 votos a favor, 1 en contra e 7 abstencións. O documento fai fincapé en que neste período a central acadou “un protagonismo indiscutíbel na organización da conflitividade laboral e na mobilización social, así como no lanzamento de alternativas e propostas para armar a defensa da clase traballadora galega”.

Tamén salienta a forte implantación da CIG por todo o país e en todos os sectores e a súa posición como primeira forza en número de delegados/as, así como que o 10% da poboación asalariada galega xa está afiliada á central, o que garante “unha situación económica e financeira solidamente saneada e vigorosa e sen máis dependencias económicas que a da nosa afiliación”. 

A pandemia evidenciou as eivas e inxustizas do capitalismo

O Informe analiza o contexto político, económico, laboral e sindical que se viviu neste período, marcado por unha nova recesión económica cando aínda non estaba superada a crise financeira de 2008, e que empeorou a partir de 2020, coa covid. Unha pandemia que evidenciou “as eivas e inxustizas do capitalismo” e na que primaron “os intereses económicos privados, mentres cada vez máis sectores das clases populares están na máis absoluta desprotección social e sanitaria”.

Tamén se denuncia a expulsión do persoal eventual do mundo do traballo, quedando sen protección, ao igual que as persoas que sufriron as consecuencias dos ERTE, co caos no cobro das prestacións, a falta de control ou a imposibilidade de dar resposta aos requirimentos e trámites.

Isto xunto á intensificación da dixitalización dos procesos produtivos e da descarbonización da economía, coas ameazas económicas, sociais e laborais que supoñen para a maioría social e o futuro do noso pobo e á aparición de novas formas de precariedade e explotación vinculadas ao teletraballo ou á subcontratación en cadea, entre outras.

Ademais, cárgase contra o chamado diálogo social por parte do Goberno español, CCOO, UGT e a patronal, que facilita a implantación de medidas que “non restitúen dereitos nin posibilitan unha recuperación económica e social xusta, senón que fomentan a desmobilización da clase traballadora e dos sectores populares”.

Emerxencia nacional e social

A actual situación de Galiza é cualificada de “auténtica emerxencia nacional e social” e responsabilízase os sucesivos Gobernos de Feijóo do deterioro “da calidade de vida, do emprego, da industria, dos servizos públicos, da evolución demográfica, da normalización lingüística e do desenvolvemento cultural”, ademais do importante déficit democrático de todas as institucións públicas e dos medios de comunicación, nomeadamente os públicos.

Outros aspectos negativos teñen que ver coa ofensiva na promoción da eucaliptización, co noso papel de subministradores de recursos minerais e de enerxía eléctrica para o resto do Estado español e na terciarización da economía, ligada especialmente ao turismo e ao Camiño de Santiago, xa que “é unha falsa alternativa de futuro para ter un crecemento económico forte e ser fonte creadora de emprego digno”. 

Neste período a CIG deu prioridade á loita contra as novas formas de explotación 

Alértase da grave situación do emprego: escaso, temporal, precario e onde a rotación contractual “acada niveis traumáticos”, medrando de forma desmesurada a figura da persoa traballadora pobre porque “cada vez máis ter un posto de traballo non garante a cobertura das necesidades vitais básicas”.

Fronte a isto, saliéntase o papel da CIG, que deu prioridade á loita contra as novas formas de explotación e desenvolveu campañas contra os Centros Especiais de Emprego, as empresas multiservizos, as ETT ou a parcialidade na contratación, coas que se conseguiu a súa prohibición en diferentes convenios sectoriais e de empresa.

Tamén o incremento da formación de cadros en materia de igualdade; a consolidación dun espazo organizativo propio; a intensa actividade da Comisión Nacional de Mulleres da CIG e o papel da central sindical nos paros de mulleres, que estiveron acompañados das mobilizacións máis numerosas da historia recente.

O informe recolle ademais o traballo desenvolvido en materia de saúde laboral nun período no que se agudizaron os problemas preventivos estruturais, razón pola que a CIG promoveu a creación dunha Comisión Técnica sobre sinistralidade laboral grave e mortal en Galiza.

En canto á acción institucional, subliña a renovación da presidencia do Consello Económico e Social de Galiza, a non elección da presidencia no Consello Galego de Relacións Laborais e o bloqueo imposto polos Gobernos, patronal, UGT e CCOO ao normal funcionamento das institucións.