
A capacidade de loita do persoal de Alcoa merece unha resposta á súa altura

A incansábel loita dos traballadores e das traballadoras de Alcoa e das súas auxiliares logrou abrir unha fenda no plan de peche da multinacional, obrigando os Gobernos a intervir e a presentar unha proposta de prórroga do período de consultas do ERE até o 28 de setembro. O obxectivo desta prorrogación é facilitar as negociacións para a venda da fábrica de aluminio ao grupo Alliance GFG (Liberty House), baixo a premisa que demandaba o persoal: sen parada de cubas e mantendo a actividade industrial.
Para o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, “queda confirmado que foi a unidade de acción, a mobilización e a defensa firme do futuro industrial, o que fixo posíbel que chegaramos a este punto”. Pois non cómpre perder de vista as multitudinarias manifestacións que acolleu a Mariña en defensa do seu motor económico, as ducias de protestas e iniciativas que o persoal levou adiante ou a folga indefinida que mantiñan dende o 20 de xullo. Accións que forzaron a Xunta e o Ministerio de Industria a implicarse neste conflito e a Alcoa a suspender o seu proxecto de cesamento inmediato da actividade das cubas de electrólise.
Porén, superada a primeira fase das negociacións entre ambas empresas, á CIG preocúpalle que Alcoa “estea impedindo unha solución viábel e dificultando unha venda inevitábel”. De igual xeito, engade Carril, preocupa que o Goberno español e o Galego “non estean a traballar e aplicándose a fondo” para evitar o peche da fábrica de aluminio e a parada das cubas, así como para garantir a continuidade industrial do complexo de San Cibrao e de todos os postos de traballo”.
A este respecto, e á espera do que aconteza durante este mes, Carril reitera que a CIG non renuncia a reivindicar a nacionalización do complexo como saída para o mantemento dunha actividade industrial estratéxica para Galiza como a produción do aluminio.