A CIG-Ensino denuncia represión sindical no centro de atención a persoas con discapacidade San Xerome Emiliani da Guarda

A central nacionalista anuncia mobilizacións despois de que a xunta directiva despedise catro traballadores/as por reclamaren o mantemento dos seus dereitos laborais

Vigo -

A CIG denuncia que o despedimento de catro traballadores/as do centro de atención a persoas con discapacidade San Xerome Emiliani da Guarda constitúe un caso de represión sindical xa que os afectados/as levan tempo opoñéndose os plans da dirección de empeorar as súas condicións laborais. Dende a federación de Ensino anuncian o inicio dunha campaña de mobilizacións para esixir a readmisión dos empregados/as que incluirá reparto de información e concentracións diarias diante do centro a partir do día 15.

Representantes da central nacionalista no Baixo Miño compareceron hoxe en rolda de prensa cos catro despedidos/as e cos delegados/as de persoal da CIG no San Xerome para rexeitar a decisión da empresa e anunciar as medidas legais oportunas para lograr a reincorporación dos afectados/as.

Marta Dacosta, da CIG-Ensino, foi a encargada de explicar que para entender o que actualmente está a suceder no centro “cómpre facer memoria e ter en conta que estamos a falar do convenio de atención a persoal con discapacidade, un dos peores convenios do Estando en canto a retribucións e dereitos dos traballadores/as”.

Neste senso, indica que en xullo de 2008, rematando o curso escolar, a xunta directiva do San Xerome trasládalles os empregados/as que lles vai incrementar a xornada laboral en cinco horas semanais. A CIG, organización sindical maioritaria no centro e no sector esixiu, de acordo co recollido co artigo 41 do Estatuto dos Traballadores, a apertura de negociacións. Nesas negociacións, os empregados/as fanlle unha proposta á xunta directiva e acadan un acordo: aceptan un incremento de 2,5 horas á semana e, no caso de non manterse o acordo volverían á xornada anterior como condición máis beneficiosa.

A continuación procederon a cumprir o acordo acadado e pasaron a realizar unha xornada de 35,5 horas semanais, no caso do persoal do sector asistencial, e de 35 horas (o máximo fixado no convenio) no caso do persoal complementario docente. Despois de acadado o acordo e unha vez que as traballadoras/es comezaron a facelo efectivo, a xunta directiva negouse a asinalo. En decembro de 2008, novamente ante un período non lectivo, comunícaselles un novo incremento de xornada.

Nesta nova situación, e despois de que o centro incumprise o acordo anterior, a CIG- Ensino, de acordo coa asemblea de traballadores/as do centro, decide presentar demanda de conflito colectivo por incumprimento do convenio e modificación substancial das condicións de traballo. Despois de tres anos e varias sentenzas, a central recibe a sentenza favorábel que definitivamente pecha o conflito: foi en xullo de 2011 e nela o TSXG falla a favor das traballadoras/es, porque a empresa incumpriu o artigo 41 do Estatuto dos Traballadores (modificacións substanciais das condicións de traballo) e impuxo o incremento de xornada sen chegar a acordo. Obriga a empresa a repor a xornada da que viñan gozando até xullo de 2008.

Segundo sostén Dacosta, a dirección do centro non aceptou de bo grao esta sentenza e desde entón sucédense diferentes situacións que só poden ser cualificadas como de persecución sindical, “nomeadamente a denegación dos permisos non retribuídos que recolle o convenio os traballadores/as que presentaron a demanda de conflito colectivo e a todos aqueles que testemuñaron o seu favor no xuízo”.

Outros ataques a estes traballadores foron rescisión de contratos ou o empeoramento das condicións de traballo, substitución de persoas que tiñan cargos de responsabilidade na empresa ou intento de sanción a dúas traballadoras, unha delas delegada de persoal.

Finalmente, este venres despediron a catro dos nove traballadores/as que promoveron o conflito colectivo no seu día. “O que acaban de facer pon en evidencia que estes son os primeiros despedimentos, mais que a cifra pode incrementarse no momento en que a empresa se vexa coas mans libres para facelo”, advirte.

Dende a CIG-Ensino manifestan que é falso que os despedimentos sexan por motivos económicos e organizativos como argumenta a empresa: 

-Primeiro, porque desde a xerencia se facilitou unha información en xaneiro deste ano segundo a cal as previsións laborais para o ano 2013 eran de mantemento dos postos de traballo fixos.

-Segundo, porque este mesmo ano se realizaron novas contratacións.

-Terceiro, porque antes de proceder ao despedimento dos traballadores/as existen mecanismos diversos recollidos na lexislación para enfrontar a situación, se verdadeiramente fose un problema económico. 

-Cuarto, porque veñen de gastar máis de 8.000 euros nun plan de estratéxico para que recolla entre as súas liñas de acción “facilitar a saída da organización das persoas que non comparten a identidade” da organización, para o que se establecen como recursos “fondos para finiquitos e indemnizacións”. Ou liñas de acción como “modificación do marco sociolaboral” para a “sensibilización sobre a necesidade do axuste de horarios e contratos laborais”.

Aínda máis, hai cartos para comunicarlles o despedimento sen cumprir os quince días de preaviso legal e asumir o seu custe, por non falar da indemnización que terán que asumir ao despedir a catro dos traballadores/as máis antigos/as, cando hai persoal con moita menos antigüidade. En todo caso, os problemas económicos serían os provocados por esta mala xestión que se acaba de detallar e terán un responsábel: o xerente do centro.

Por último, dende a central nacionalista inciden na repercusión pedagóxica e emocional que esta medida vai ter sobre as familias e as e os usuarios/as nun centro en que se crean fortes vínculos entre o profesorado, os monitores/as e o alumnado, “que xa no día de onte manifestaba o seu desgusto por esta situación”.

De igual xeito que moitos pais e nais xa expresaron a súa desconformidade, pois non son aceptábeis estes despedimentos, que van repercutir nos seus propios fillos e fillas. “É claramente unha medida moi negativa para as e os usuarios do centro. Quen así procede non ten ningún respecto polo proxecto iniciado no seu día nin está preocupado polos usuarios/as”, rematan.