Presentada denuncia penal contra a médica do INSS que actuou na revisión pola que se deu de alta a un envelenado por mercurio

Hai dous meses o organismo revocou a incapacidade absoluta que tiña recoñecida o traballador dende había catro anos

A Coruña -

Pablo Sánchez Pena, acompañado por, Ernesto López Rei, da Executiva Comarcal da CIG da Coruña, vén de presentar denuncia penal no xulgado de garda por prevaricación administrativa contra a funcionaria médica do INSS que actuou na revisión que finalmente derivou na revogación da súa incapacidade absoluta por envelenamento crónico por mercurio.

En rolda de prensa ás portas dos xulgados da Coruña, denunciouse que, a pesar das gravísimas patoloxías que padece Sánchez e da forte medicación que ten que tomar, hai dous meses, o INSS revocou a incapacidade absoluta que tiña recoñecida dende 2011 e pasou a consideralo apto para o traballo.

Para López Rei, esta actuación haina que enmarcar “nunha estratexia do INSS de dar altas para librarse de cargas”,  cualificando de “auténtica aberración” esta política de corte economicista. “Ademais, entendemos que houbo mala fe por parte da funcionaria médica actuante e que emitiu unha resolución totalmente arbitraria. Por iso imos presentar unha denuncia por prevaricación administrativa”, apuntou.

A este respecto, o propio afectado lembrou que cando acudiu á revisión, a facultativa “díxome non estaba disposta a revisar todo o meu expediente, e despois preguntoume se a incapacidade me foi dada polo INSS ou o xulgado, porque se ma dera o INSS era máis doado retirarma”.

Precisamente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza (en recurso de suplicación) vén de considerar como enfermidade laboral a intoxicación crónica por mercurio que padece Sánchez, xa que esta ten unha clara orixe no seu traballo como montador de tubos fluorescentes, que conteñen mercurio e vapor de mercurio.

Situación de total indefensión

Pablo estivo dous anos de baixa, tras dos cales o Sergas pasou o seu expediente ao INSS, recoñecéndolle unha invalidez total, primeiro, e absoluta despois. Agora, está á espera de que a Seguridade Social dea resposta ao recurso administrativo presentado contra esta inxusta resolución.

Na rolda de prensa denunciouse a situación de total indefensión na que fica actualmente Pablo Sánchez xa que perdeu o dereito á reincorporación ao seu posto ou a cobrar unha prestación por desemprego, e debido a súa delicada saúde –con visitas constantes aos hospitais, episodios de perda de memoria, desorientación, etc.- non pode desenvolver ningún traballo. Nestes momentos o único ingreso de Sánchez Pena procede “dun ridículo subsidio”, xa que tamén está privado da pensión de invalidez.

Ademais, ao perder a incapacidade agora ten que afrontar parte do custe das medicinas que toma. Cómpre subliñar que sufre máis de 40 patoloxías e que cada mes ten que tomar 1.230 pastillas, 240 inhalacións, 15 inxectábeis, 4 ampolas bebíbeis, 90 ampolas oculares e 60 aplicacións tópicas.
“Coa súa decisión, o INSS está condenando a este home á exclusión social e á indixencia”, advertiu López Rei.

O INSS dá de alta a un enfermo cunha intoxicación crónica por mercurio