Catro anos despois, a xustiza anula o ERE de Sargadelos e obriga á reincorporación do persoal despedido

A sentenza resulta moi crítica coa actuación da Consellaría de Traballo por autorizar un expediente que non cumpría os requisitos necesarios

A Coruña -

O Xulgado Contencioso-Administrativo número 2 de Lugo vén de ditar sentenza pola que anula o ERE que Sargadelos aplicou no ano 2010 e obriga a  readmitir os traballadores e traballadoras despedidas, así como a abonar os salarios deixados de percibir dende a extinción dos seus contratos. A resolución supón un “tirón de orellas” á Consellaría de Traballo por rexeitar o recurso de alzada presentando pola CIG contra unha autorización administrativa que non se axustaba aos principios estabelecidos na normativa vixente naquel momento.

Xorxe Caldeiro, responsábel da Unión Local da Mariña, aínda tomando con cautela a resolución por canto pode ser recorrida, valora positivamente o sentido da mesma, polo que significa no recoñecemento dos dereitos destes traballadores e traballadoras “inxustamente despedidas”.

Caldeiro, que lamentou a demora do proceso porque chega catro anos despois de terse aplicado o ERE e cando o Grupo Sargadelos se atopa en concurso de acredores, subliñou que tan só a CIG apoiou a loita destes/as traballadores/as, aínda sendo minoritaria no Comité e de que o conxunto da representación do persoal rexeitaba os despedimentos. De feito, o resto das centrais sindicais non recorreron pola vía xudicial a decisión da administración de rexeitar os recursos de alzada presentados contra a autorización do expediente.

Cómpre lembrar que naquel momento a normativa vixente sobre despedimentos colectivos obriga ás empresas a contar coa autorización administrativa preceptiva para poder aplicar un ERE. De aí que a demanda vaia pola vía do contencioso-administrativo e non do social.

Dos 26 despedimentos que contemplaba o ERE, a empresa só chegou a efectivizar 8, “pero estes traballadores/as tiveron que loitar en solitario durante moito tempo, co único apoio da CIG, facendo mobilizacións diarias, e agora a xustiza dálles a razón, recoñecendo que houbo información insuficiente por parte da empresa e que a selección do persoal foi totalmente subxectiva”, apunta Caldeiro.

O responsábel da Unión Local da CIG subliñou que o texto da sentenza é moi crítico coa actuación da Dirección Xeral de Traballo, que non compartía o criterio defendido pola central sindical e os/as traballadores/as de que a factoría de Sargadelos en Cervo forma parte dun grupo empresarial, razón pola que a dirección tiña que achegar toda a información económica relativa a dito grupo.

A propia resolución chama a atención sobre o feito de que xa había sentenzas firmes nas que se determinaba a existencia deste Grupo empresarial, polo que considera “estraño” que administración galega non tivera constancia desta situación.

Outra das cuestións alegadas pola parte social e que o xulgado atende para anular o ERE, refírese ao número de despedimento e aos criterios utilizados para a selección dos traballadores e traballadoras incluídos no expediente. Neste punto, o xulgado dá outro “tirón de orellas” á Consellaría por restar importancia ao Informe da Inspección de Traballo, no que xa se alertaba do desproporcionado da medida.

Ademais, no informe da Inspección púñase en cuestión a información, a documentación e a xustificación do sistema utilizado para designar as persoas afectadas, polo que dende o xulgado se entende que só atendendo a este feito a Consellaría non debería ter admitido o ERE por non seguir criterios obxectivos de selección.

Queda comprobar agora que pasos dá a empresa, se recorre a sentenza ou non, e no caso de non facelo como procederá a efectivizar a reincoporación destes oito traballadores e traballadoras, ás que, ademais, terá que abonar os salarios deixados de percibir dende a rescisión dos seus contratos e o abonamento das contías correspondentes á Seguridade Social por este período.